https://www.facebook.com/share/v/16zhbhv3mw
Ribadavia voltou a converterse onte no epicentro da maxia e das tradicións galegas coa celebración da emblemática “Noite Meiga”, unha das festas senlleiras do Samaín da provincia, nunha xornada na que se mesturaron lendas de meigas e trasnos, a Santa Compaña ou mortos viventes nunha vila na que destacou, coma noutras celebracións, a implicación colectiva da veciñanza.
E cunha programación que arricaba o pasado venres, coas sesións do Escape Room “Esperta”, de Adda Fun, na Igrexa da Madalena, que tiveron continuidade ao longo da tarde e a noite de onte, festividade de Santos, onde destacaron o Mercado Meigo, na fachada do Castelo; a Procura Meiga e a Escola de Feiticeiros na Praza Maior, na que a asociación Activa-T instalou o seu posto oficial de con ‘cadeliños’ e apocemas, contando coa animación musical de Abelo Valis e a Visita do Gran Dragón.
A maxia continuou co espectáculo do Mago Golden Magic, no Auditorio da Casa da Cultura, e, a partir das oito da tarde, as rúas de Ribadavia foron percorridas polo vistoso e espectacular Desfile Meigo, que partíu dende a ponte de San Francisco, co acompañamento dos Tabaleiros da Istoria, mentres a música seguíu soando coas Pandereteiras da Istoria e o grupo Festicultores na Praza Maior.
A sempre atractiva Pasaxe do Terror abría as súas portas ás nove da noite no Castelo dos Sarmiento cunha sucesión de pases para o público que se prolongou ata pasada a unha da madrugada. A Danza do Lume e a actuación de Festicultores deron paso, á medianoite, a tradicional queimada coas Lajartas na Praza Maior.
O remate desta xa mítica xornada desenvolveuse no Club Artístico e correu a cargo de DJ Chemigal e os de Hípica Celta, que presentaron o seu espectáculo “Historia de Deuses”, co concerto de Quinquillada como punto e aparte ata o Noite Meiga do 2026.

















