Este domingo, 9 de novembro, ás 12,30 horas, a Praza Maior de Ribadavia volverá encherse de sabor e ambiente outonal coa celebración dunha nova edición da tradicional Degustación de Setas, organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Nosa Señora do Portal e a Asocación de Consumidores e Usuarios do Ribeiro; coa colaboración do Concello de Ribadavia.
Tras o éxito da pasada edición, na que se serviron máis de 250 pratos e se consumiron máis de 40 quilos de cogumelos, a degustación consolídase como un dos eventos gastronómicos máis esperados do outono na comarca do Ribeiro.
Durante a xornada, as persoas asistentes poderán gozar dunha selección de pratos elaborados con setas, cociñadas de diferentes maneiras e sempre coa esencia da cociña tradicional galega. Ademais de ser unha cita gastronómica, o evento é tamén un espazo de encontro e convivencia veciñal, no que se celebra a chegada do outono e o traballo colectivo das mulleres rurais.
Desde o Concello de Ribadavia salientan o valor deste tipo de iniciativas, que combinan tradición, gastronomía e dinamización local. “A degustación de setas é unha mostra de como a colaboración entre o tecido asociativo e o Concello pode xerar actividades que unen á veciñanza e poñen en valor o noso patrimonio culinario e cultural”, sinala a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez.
Con esta nova edición volve tamén unha data chave para a promoción da cultura gastronómica local e da dinamización da vida social de Ribadavia. Os organizadores convidan a veciños e visitantes a participar dunha xornada chea de sabor, tradición e boa compaña.

















