Hoxe, xoves 13 de novembro, o hotel Hospes Amérigo de Alacante é o escenario da primeira edición do “Salón das Medallas UEC en Alacante”, onde o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, cunha caseta propia e unha representación de 13 etiquetas da denominación de orixe máis antiga de Galicia, mostrará os seus viños premiados con “Gran Ouro” e “Ouro”, galardóns recibidos nos dous concursos vinícolas nacionais de maior prestixio: Bacchus e Premios Baco.
A presidenta do Consello Regulador, Concha Iglesias, en relación á participación neste evento sinala que “participamos neste especial salón organizado pola Unión Española de Catadores (UEC) co obxectivo principal de potenciar a visibilidade dos nosos viños neste mercado; e o éxito reside na autenticidade e diferenciación dos viños que actualmente se elaboran nesta Denominación de Orixe, características moi apreciadas por un numeroso público profesional”.
Catadores, profesionais da hostalería e distribución, comunicadores e amantes do viño son os perfís de visitantes recibidos durante a xornada, onde valoraron a singularidade dos chans, a fidelidade a unha paisaxe, a mestura de variedades autóctonas, así como a tradición dos nosos antepasados aderezada coas modernas prácticas e moita paixón persoal.
A Telleira Godello, Canción de Elisa, Colección 68, Cordón de Santo André, Coto de Gomariz, Cunqueiro III Milenium, Eduardo Bravo, Eduardo Peña, Pingas de Mar F.B., María Meréns Godello, Ramón do Casar Treixadura, Torre do Oliveiral Expresión e Tear dúas Dodi son as 13 marcas da colleita 2024 que se presentaron en Alacante para que esta cidade puidese saborear por un día unha gran representación de viños monovarietales, algúns elaborados con sabias mesturas de variedades autóctonas e outros creados con elaboracións máis especiais.

















