- O presidente provincial asinou o libro de honra e coñeceu de primeira man os servizos que a Asociación presta nos hospitais e en toda a provincia.
- A Deputación e a Asociación formalizan dous convenios: un para impulsar espazos libres de fume e outro para garantir a chegada dos servizos gratuítos a todos os concellos.
- A entidade provincial presentoulle os seus avances en socios, voluntariado, atención a pacientes e investimento en investigación, consolidando un crecemento histórico desde 2021.
Ourense, 17 de novembro de 2025.- A sede provincial da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense recibiu hoxe a primeira visita institucional por parte do presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luis Menor, nun encontro que reforza a colaboración entre ambas entidades e pon en valor o labor social e sanitario que a Asociación desenvolve en toda a provincia.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Na recepción participaron o presidente da Asociación en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, a vicepresidenta provincial, Olga Mojón, e a xerente, Judit Vega, que acompañaron ao presidente da Deputación nun percorrido polas instalacións, onde puido coñecer de primeira man os servizos de apoio psicolóxico, atención social, voluntariado e programas de prevención que a entidade ofrece de maneira gratuíta á cidadanía.
Durante a visita, Luis Menor deixou constancia do seu apoio á organización coa sinatura do libro de honra, destacando o compromiso da Deputación coa loita contra o cancro e coa igualdade de acceso aos servizos en todos os concellos da provincia.
Sinatura de dous convenios clave para a provincia
O encontro culminou coa sinatura de dous convenios de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Asociación:
- Convenio de prevención, orientado a promover espazos libres de fume nos edificios e dependencias da Deputación, reforzando as políticas públicas de saúde e a loita contra o tabaco.
- Convenio de apoio e extensión dos servizos da Asociación, polo cal a Deputación colabora para garantir que todos os ourensáns, vivan no rural ou no urbano, teñan acceso aos servizos gratuítos da entidade.
Un crecemento sólido e un compromiso consolidado
Durante a reunión, a xunta directiva da Asociación trasladou ao presidente os avances acadados nos últimos anos:
- Un incremento notable de socios, voluntariado e orzamento provincial.
- A presenza da Asociación nos tres hospitais do CHUO, no Hospital Comarcal de Valdeorras e no Hospital Público de Verín.
- reforzo dos servizos de apoio aos pacientes e familias, así como o crecemento do investimento en investigación, con máis de 109.000 euros destinados en 2024.
- A consecución dun fito histórico coa chegada á provincia da primeira axuda da Fundación Científica ao Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva de Ourense (GIODO).
Pola súa banda, Luis Menor destacou o papel esencial da Asociación en Ourense como entidade que chega onde as administracións non sempre poden chegar, subliñando a importancia de traballar da man para ofrecer igualdade de oportunidades en toda a provincia.
A Asociación agradeceu o apoio institucional e reafirmou o seu compromiso de seguir ampliando servizos e acompañamento, para que ningún paciente nin familia en Ourense enfronte o cancro en soidade.
Sobre a Asociación Española Contra o Cancro
A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos. Dedica os seus esforzos a mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter un enfoque do cancro integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar ao carón das persoas, polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e coas súas familias durante todo o proceso da enfermidade, se lles é diagnosticada; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, a Asociación agrupa a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 143 millóns de euros en 750 proxectos, nos que participan máis de 2.300 investigadores.
A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar as persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 Sedes Provinciais e presente en máis de 2.000 localidades españolas, conta con máis de 35.000 persoas voluntarias, máis de 728.000 socios e 1.261 profesionais.
Durante o 2024, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a máis de 136.000 persoas cos seus servizos de atención profesionalizada.

















