A redación do proxecto, que ten un importe de 18.150€ será financiada pola Deputación de Ourense.

Os alcaldes dos Concellos de Cenlle, Punxín e Ribadavia veñen de asinar un convenio de colaboración para a redación do proxecto da senda fluvial na marxe dereita do embalse de Castrelo de Miño que unirá estes tres concellos a través dun fermoso paseo que permitirá disfrutar da inigualable paisaxe e o valor ambiental desta fermosa zona da comarca do Ribeiro.

Por medio deste convenio, os tres concellos comprométense a facilitar canta documentación técnica e administrativa sexa necesaria para a redación do proxecto, axilizando deste xeito os prazos de redación do mesmo. A redación do proxecto, que ten un orzamento de 18.150€, será financiada pola Deputación Provincial de Ourense.

Os alcaldes dos tres concellos, José Manuel Lamas, Manuel Vázquez e César Fernández, amosáronse moi satisfeitos polo apoio das diferentes administracións a este proxecto de senda fluvial, e quixeron sinalar o compromiso da Deputación para a financiación da redación deste proxecto e poñer en valor tamén o compromiso da Xunta de Galicia para posibilitar que esta senda fluvial que une aos tres concellos pronto sexa unha realidade.

Os alcaldes afirmaron que este proxecto permitirá engadir mais valor turístico, natural e ambiental a un entorno que xa conta con un gran valor de seu. E quixeron sinalar que esta actuación permitirá tamén afondar na potenciación dos recursos termais destes concellos, convertindo a estes tres concellos da comarca do Ribeiro nun exemplo de cooperación para a valorización dos recursos endóxenos existentes e para a consolidación dunha oferta de turismo de calidade e sostible que permita que estes concellos sexan polo de atracción de visitantes ao longo de todo o ano.