O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción para o seu debate por parte da Corporación do Carballiño, na que pide “Paralizar o derrubo do edificio da actual Estación de Autobuses ata ter claro o plan de futuro para a Avenida do Balneario, as alternativas para o Centro de Saúde e claras as solucións para a carencia de espazos públicos”.
Esta formación política califica o inminente derrubo de “erro histórico e garrafal por parte do Concello do Carballiño” e de “fracaso de planificación a causa dunha xa crónica falla de visión de futuro”. Tamén apuntan que “temos que ter en conta o luxo que supón facer desaparecer un espazo público que se podería aproveitar para cubrir moitas necesidades das que levamos anos falando: Casa da Xuventude, local de Asdifica e incluso de manter nesa zona unha parada de autobús para escolares e veciños para ofrecer unha segunda opción ademáis da intermodal”.
“Esta decisión, a todas luces, errática e que vai penalizar de xeito moi serio o futuro do noso pobo, está a xerar unha fonda indignación entre a ciudadanía e un elevado grao de alarma social ante a falla de respostas do goberno ás cuestións que se plantexan”, engaden. “Sen embargo, o goberno do Carballiño vai confirmar a barbaridade, ao non ofrecer á Xunta un solar onde facer un edificio sanitario dende cero e acadar así poder dispor dos dous edificios. Tódolos argumentos esgrimidos no seu día, a urxencia sobre todo, xa están caducos e só queda a explicación dunha xestión nefasta e nociva para este pobo”, subliñan dende Espazo Común.
















