A Deputación de Ourense constata cun programa piloto que o termalismo pode contribuír a frear o deterioro cognitivo leve nas persoas maiores

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Deputación Provincial de Ourense, en colaboración con AFAOR (Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer), vén de presentar o balance do Programa Piloto de Termalismo contra o Deterioro Cognitivo Leve (DCL), unha iniciativa pioneira en Galicia desenvolvida entre os meses de xuño e outubro no Balneario Eurostars Vila de Allariz

Ourense, 20 de novembro de 2025

A Deputación Provincial de Ourense, en colaboración con AFAOR (Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer), vén de presentar o balance do Programa Piloto de Termalismo contra o Deterioro Cognitivo Leve (DCL), unha iniciativa pioneira en Galicia desenvolvida entre os meses de xuño e outubro no Balneario Eurostars Vila de Allariz. Nas súas conclusións, constátase que o termalismo pode contribuír a frear o deterioro cognitivo leve nas persoas maiores.

O obxectivo principal deste proxecto experimental foi promover a detección precoz de patoloxías neurodexenerativas e fomentar hábitos de vida saudables, en especial aqueles vinculados coa actividade física regular e coa estimulación cognitiva.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

Un programa integral con actividade física e estimulación cognitiva

O programa desenvolveuse mediante sesións semanais todos os luns, combinando actividades terapéuticas nas augas mineromedicinais co posterior traballo cognitivo, aproveitando a activación corporal e sensorial que ofrece o entorno termal para optimizar o rendemento mental.

Ao inicio da intervención, elaborouse un Plan de Atención Individualizada (PAI) para cada participante, centrado nas dimensións cognitivas, condutuais e sociais. En cada sesión realizáronse avaliacións individualizadas, complementadas cunha valoración intermedia no mes de xullo e unha avaliación final en outubro. Este seguimento rigoroso permitiu contar cunha análise cuantitativa e cualitativa da evolución individual e grupal.

Perfil inicial das persoas participantes

Nas valoracións iniciais observouse que as persoas participantes, nun 20% presentaban deterioro cognitivo leve; o 70% con deterioro cognitivo leve/moderado e o 10% con deterioro cognitivo moderado/avanzado.

Ningunha das persoas asistiu con alteracións condutuais, e só dous participantes presentaron limitación funcional significativa.

Os resultados: estabilidade, mellora e impacto emocional positivo

Así, a avaliación final confirma unha evolución globalmente positiva: o 55% das persoas participantes mantiveron estables as súas capacidades cognitivas, un indicador favorable de eficacia preventiva, mentres que o 27% amosaron unha mellora leve, especialmente en atención, memoria e orientación espazo-temporal. O 18% presentaron un leve empeoramento, acorde coa evolución esperable do seu marco clínico inicial.

No ámbito emocional e social, entre o 85% das persoas avaliables constatouse que o 82% mantiveron unha interacción social adecuada e un estado anímico estable durante todo o programa. O 18% experimentaron unha mellora notable no seu benestar emocional, pasando dunha situación inicial de ánimo irregular a non presentar afectación nas valoracións finais.

Un modelo efectivo de intervención integral

Os datos obtidos evidencian un impacto significativo na calidade de vida das persoas participantes. A combinación de actividade física en augas termais, estimulación cognitiva e dinámica grupal estruturada xerou un entorno altamente favorable para mellorar a función cognitiva, fortalecer vínculos sociais e promover estabilidade emocional.

A Deputación de Ourense subliña que este programa piloto cumpriu amplamente os obxectivos previstos, consolidándose como un modelo efectivo de intervención integral dirixido ás persoas maiores. Ademais, considera que esta experiencia abre a porta á consolidación de programas estables que integren o termalismo como recurso terapéutico complementario na prevención do deterioro cognitivo.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------