A Deputación de Ourense, en colaboración coa Estación de Montaña de Manzaneda, pon en marcha unha nova edición do programa ESQUIOU 2026, unha iniciativa destinada a promover o contacto dos máis pequenos co deporte da neve e coa práctica do esquí nun contorno seguro, formativo e inclusivo.
Na presentación desta iniciativa participaron o vicepresidente segundo e deputado de Deportes, César Fernández; o xefe territorial de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices; e o director da Estación de Montaña de Manzaneda, Victor Manuel Picos.
O vicepresidente segundo da Deputación dixo que o EsquiOU é o “programa máis agardado do ano pola cidadanía ourensá”, achegando a máis de 1.000 nenos e nenas un completo programa de actividades para “desfrutar dos deportes de inverno ou de outras propostas segundo as condicións meteorolóxicas”. Así mesmo, destacou que o máis importante desta iniciativa é que contribuirá a “crear recordos” entre os máis cativos da provincia.
Pola súa parte, Cecilio Santalices puxo en valor a aposta da Xunta a prol da estación de Montaña, a única de Galicia e “unha das mellores do oeste peninsular” que traballa durante todo o ano cunha oferta desestacionalizada.
Neste sentido, o director da Estación adiantou que xa se está a reparar todos os danos que sufriu durante a vaga de lumes deste verán para poder abrir canto antes. E, en canto ao programa, lembrou que nas últimas catro edicións, todos os nenos e nenas esquiaron porque no programa de actividades que se propón como alternativa á falta de neve, organízanse exercicios que acheguen o deporte da neve aos participantes.
1.050 nenos e nenas da provincia coñecerán o deporte de inverno
Esta edición ofrece 1.050 prazas para nenos e nenas nados entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2017, repartidas en 10 quendas de tres días e dúas noites. En cada quenda reservaranse 5 prazas para participantes en situación de inclusión social, incluíndo menores con discapacidade auditiva, visual, trastornos do espectro autista, síndrome de Down ou outras condicións que requiran apoio específico, garantindo así un programa plenamente accesible e igualitario.
As actividades desenvolveranse nas instalacións da Estación de Montaña Manzaneda, que conta con 23 pistas de esquí alpino homologadas, snow park, escola de esquí con profesionais acreditados, aluguer de material renovado e servizos complementarios adaptados ás necesidades dos grupos. O programa inclúe aloxamento, manutención, curso de iniciación ao esquí, acceso a piscina climatizada, actividades deportivas e lúdicas, monitores acompañantes, transporte e seguro de viaxe, tal e como recolle o documento informativo oficial
Quendas e calendario
O calendario desenvolverase entre xaneiro e marzo, organizando as quendas por comarcas para favorecer grupos homoxéneos e facilitar a convivencia entre nenos e nenas que xa se coñecen. A programación diaria combinará clases de esquí, actividades deportivas en pavillón, tempo de descanso e tempo libre supervisado, así como unha velada nocturna ou disco infantil. En caso de que as condicións climatolóxicas non permitan a práctica do esquí con seguridade, a actividade adaptarase a un programa alternativo de multiaventura, tiro con arco, rocódromo e pre‐esquí, garantindo sempre o máximo aproveitamento da experiencia.
Inscrición
A inscrición deberá formalizarse mediante o formulario electrónico habilitado, achegando DNI e tarxeta sanitaria. As prazas asignaranse por orde estrita de inscrición, tal e como establece a normativa do programa. Cada participante achegará unha cota de 30 euros, estando o resto do custo totalmente subvencionado pola Deputación Provincial.
Co programa ESQUIOU 2026, a Deputación reafirma o seu compromiso co deporte base, a igualdade de oportunidades e a posta en valor da Estación de Montaña de Manzaneda como espazo de aprendizaxe, convivencia e ocio activo para a infancia da provincia.

















