Ribadavia debe buscar fórmulas para volver aos 5.000 habitantes

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ribeiro en Común propón a unidade de toda a corporación e da sociedade, e demanda que o Concello lidere un plan de desenvolvemento que pasa por: máis traballo, máis vivenda e máis servizos.

Presentaron esta Moción que se debateu no Pleno deste pasado xoves, tras os resultados preocupantes que arroxou o INE do Padrón municipal de Ribadavia.

En só dous anos Ribadavia perdeu 100 veciños no seu censo, quedando xa moi lonxe a cifra legal de poboación de máis de 5.000 habitantes:

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Se no ano 2016 o padrón tiña rexistrados a 5.068 veciños, nun momento histórico no que xa os falecementos duplicaba xa aos nacementos.

En 2021, tiñamos 4.999 habitantes segundo o INE, que serían algúns máis tras algunha alegación aceptada.

En 2023, foron 4.986 habitantes, a 14 de volver aos 5.000 habitantes. 

En 2025, só dous anos despois, sen embargo os datos son máis ca preocupantes: Entre 4.917  e 4.895 habitantes, o que significa que Ribadavia baixou o censo en 100 veciños, quedando moi lonxe xa a cifra legal dos 5.000 habitantes, que usan as administracións para o reparto de fondos públicos. E, non só, uns datos que indican que Ribadavia lonxe de medrar en todas as áreas, baixa e reflexa indicadores negativos.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


A solución pasa por un plan de desenvolvemento local que debe implicar a toda a sociedade, partidos, administracións e que debe contemplar unha acción conxunta en: Traballo e Solo industrial. Vivenda, accesible e de calidade. E, Servizos públicos.

Aumentar a oferta de traballo e solo industrial, intervir no mercado da vivenda para dinamizar a obra privada parada e promocionar vivenda pública e, por último, mellorar o coñecemento dos servizos dos que xa goza Ribadavia para atraer novos veciños.

REC impulsa esta moción, na que pide a elaboración de un plan de revitalización demográfica de maneira conxunta entre todos os grupos que integran a Corporación municipal, e que sexa capaz por un lado, de implicar a todas as Administracións, e por outra banda, de adoptar medidas reais que corrixan esta tendencia perigosa.

Esta cuestión debera xerar unanimidade e a unidade de todos os partidos.

Non sempre temos que discrepar, e o de recuperar poboación en 2026 debera ser algo que nos una a todos os grupos da Corporación.

1.Traballo: A situación de bloqueo na que se atopa o polígono industrial de Ribadavia impide non só o asentamento de novas empresas senón tamén o medre das actuais.

Sen entrar na polémica das promesas do PP e das mentiras electorais, a recuperación de tres pequenas parcelas que poderán conseguirse revertendo no público (algo que REC hai uns anos levou ao Parlamento e o PP vetou), tampouco solucionará o problema.

A solución pasa por buscar novo solo industrial, e non só pasa por Ribadavia, a comarca enteira do Ribeiro debera estar unida neste obxectivo, e Ribadavia como municipio máis grande debera liderar esta iniciativa. O minifundismo non ten sitio nunha política industrial seria, que é o necesita Ribadavia.

2.Vivenda: Escasa oferta e alta demanda dos veciños que hoxe xa viven en Ribadavia, o que fai imposible que novos veciños veñan vivir a Ribadavia, tampouco para os que traballen noutra localidade próxima desexen residir en Ribadavia.

O Concello debe promover vivenda pública, a través de novo solo dotacional, O Concello debe poñer a disposición da Xunta (IGVS) novo solo para que a administración autonómica constrúa nova vivenda.

REC xa realizamos iniciativas a este respecto, propoñendo e informando de solo dispoñible na zona da estrada de Francelos, mais non só. Tamén de vivendas privadas que poderían rematarse e poñer no mercado, na zona dos chalés e rúa Progreso.

3.Servizos: Ribadavia xa goza de moi bos servizos, sen embargo desde o Concello non se ocuparon da súa promoción e difusión, só de subir as taxas municipais. O único que fixo este goberno foi subir todas as súas taxas, nun momento no que está subindo todo o custe da vida pode poñer en perigo o número de usuarios, e a medio prazo a súa viabilidade. A espada de Damocles continúa sobre o servizo de pediatría de Ribadavia.

Toca abordar os problemas de Ribadavia e intentar buscarlles solución. O actual goberno con maioría absoluta non ten ningunha excusa para non intentalo.

A recuperación de Ribadavia e do Ribeiro debera xerar unanimidade e a unidade de todos os partidos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------