Un investimento de 80.000 euros permite a renovación do alumeado e a mellora enerxética no campo da Uceira

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño vén de recibir as obras de reforma integral da iluminación e das instalacións de ACS (auga quente sanitaria) do campo de fútbol A Uceira. A intervención supón a mellora do rendemento enerxético e a optimización do consumo, garantizando así a eficiencia e sostibilidade do recinto deportivo. O proxecto contou cun orzamento de preto de 80.000 euros procedentes do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia. “Trátase dunha obra moi importante para modernizar A Uceira e adaptar un espazo tan utilizado e frecuentado pola poboación aos estándares actuais de confort e seguridade”, detalla José Castro, concelleiro de Deportes.

A renovación do sistema de auga quente incluíu a implantación dun novo sistema de xeración basado nunha bomba de calor xeotérmica que substitúe á caldeira de gasóleo como fonte principal de produción. A antiga instalación presentaba un rendemento moi baixo e elevadas pérdidas enerxéticas, xa que as tuberías de distribución da auga cara aos vestiarios non contaban con illamento térmico. Nesta liña, o novo sistema conta con redes hidráulicas que garantizan o reparto de auga cun maior rendemento enerxético e operativo.

Pola súa banda, a actuación na iluminación supuxo a substitución completa das antigas luminarias, tanto no exterior do recinto como no interior dos vestuarios. Deste xeito, os fluorescentes e haloxenuros metálicos renováronse por equipos de tecnoloxía LED co obxectivo de mellorar as condicións lumínicas e de confort para os deportistas e os afeccionados.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Torneo de Fútbol Reis Magos, celebrado a pasada fin de semana, permitiu poñer a proba a intervención na Uceira cun moi bo resultado, tanto para os deportistas como para o público. “A competición foi un éxito de organización e participación”, resalta José Castro.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------