A Deputación aproba dúas convocatorias de axudas de 260.000 euros para o deporte e a cultura na provincia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Ourense aprobou na súa sesión celebrada hoxe as bases reguladoras de dúas novas convocatorias de subvencións correspondentes ao ano 2026, dirixidas ao apoio ao deporte ourensán e ao fomento das actividades escénicas e musicais na provincia, cun investimento global de 260.000 euros.

Por unha banda, deuse luz verde á convocatoria de subvencións a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais, dotada cun orzamento total de 50.000 euros, o que supón un incremento do 25 % respecto ao pasado ano, cando a contía era de 40.000 euros. Trátase, ademais, da continuidade dunha liña de apoio que a Deputación vén reforzando de maneira progresiva nos últimos exercicios, cun aumento acumulado do 66,67 % no que vai de mandato.

Esta convocatoria ten como obxectivo fomentar a práctica deportiva e recoñecer a traxectoria, o esforzo e os resultados acadados polos deportistas ourensáns en modalidades individuais, desde categorías de base ata absoluta. O prazo de presentación de solicitudes abrirase coa publicación na Base de Datos Nacional de Subvencións e rematará o 27 de febreiro de 2026. Na edición anterior foron beneficiados un total de 40 deportistas da provincia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou tamén as bases da convocatoria de subvencións para o fomento das actividades escénicas e musicais 2026, cunha dotación de 210.000 euros, a mesma contía que no exercicio anterior. Esta iniciativa anual ten como finalidade o financiamento parcial de actuacións artísticas de carácter público na provincia de Ourense, promovidas por persoas ou agrupacións do ámbito cultural.

O importe subvencionable poderá acadar ata o 50 % do custo de cada actuación, correspondéndolle ao promotor o financiamento da porcentaxe restante. A convocatoria intégrase no Plan estratéxico de subvencións da Deputación de Ourense 2024-2027, contribuíndo ao impulso da actividade cultural e recreativa no conxunto do territorio provincial, con especial atención ás artes escénicas e musicais.

O prazo para solicitar a inclusión como beneficiarios directos manterase aberto desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia ata o 20 de decembro de 2026.

Con estas dúas convocatorias, a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso co apoio ao talento deportivo e coa dinamización cultural da provincia, como piares fundamentais para o desenvolvemento social, económico e territorial de Ourense.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------