A Subdelegación do Goberno en Ourense activa a Fase de Alerta do Plan Invernal de Estradas na provincia pola previsión de nevadas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

§  A AEMET prevé que o aviso laranxa por nevadas se prolongue ata o sábado 24 de xaneiro ás 23:59 horas

§  O subdelegado recomenda evitar desprazamentos innecesarios, viaxar con cadeas e atender ás indicacións das autoridades

§  O dispositivo especial de inverno da rede estatal conta con 22 máquinas quitaneves, 4.424 toneladas de sal e máis de 110.000 litros de salmoira na provincia de Ourense

Ourense, 22 de xaneiro de 2026.- A Subdelegación do Goberno en Ourense activou este xoves ás 11:50 horas a Fase de Alerta do Plan Invernal de Estradas na rede estatal da provincia, debido á previsión de nevadas. Segundo o protocolo, esta fase iníciase sempre que se produza a emisión, pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, dun aviso laranxa por nevadas que, neste caso, durará previsiblemente ata o sábado 24 de xaneiro ás 23:59 horas.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, fai unha serie de recomendacións á cidadanía de cara ás próximas horas e días: evitar desprazamentos innecesarios; de ter que usar o vehículo, levar pneumáticos de inverno ou cadeas; moderar a velocidade; viaxar co depósito cheo, e atender ás indicacións da Garda Civil e resto de autoridades.

No marco do Protocolo da Subdelegación do Goberno en Ourense para a Coordinación de actuacións dos órganos da Administración Xeral do Estado ante nevadas e outras situacións meteorolóxicas extremas que poidan afectar á Rede de Estradas do Estado na provincia de Ourense, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible conta con 22 máquinas quitaneves, 4.424 toneladas de sal e máis de 110.000 litros de salmoira. Este dispositivo especial para a campaña de vialidade invernal está operativo desde o 1 de novembro de 2025 e mantense ata o 30 de abril de 2026.

Eladio Santos recomenda especial precaución ao volante nas zonas da Gudiña e A Canda, dado que se prevén cantidades de neve importantes. “Todos os medios necesarios están dispoñibles para garantir a máxima seguridade das persoas, pero é importante atender as recomendacións”, apuntou.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------