As continuas choivas dos últimos días provocaron un aumento da turbidez na auga das redes de abastecemento tanto no concello de San Amaro como no de Punxín, situación que levou a que ambos municipios recomenden non utilizar a auga da rede para consumo humano. Por elo, os representantes do BNG en ambos municipios solicitan o reparto gratuíto de auga embotellada entre a veciñanza máis vulnerable.
Desde o BNG de San Amaro e Punxín, entenden que a situación actual é consecuencia dunha incidencia técnica derivada das condicións meteorolóxicas e que a súa solución require tempo. Porén, consideran que os Concellos non poden limitarse a emitir avisos á veciñanza e demandan medidas sociais inmediatas para garantir o dereito básico ao acceso á auga potable.
Por iso, as dúas organizacións locais do BNG reclaman que, mentres non se restablezan os parámetros de potabilidade, os Concellos poñan en marcha un dispositivo de reparto gratuíto de garrafas de auga dirixido prioritariamente ás persoas maiores que viven soas, ás familias con crianzas, ás persoas con problemas de saúde e a calquera veciño ou veciña en situación de vulnerabilidade.
Segundo sinalan desde a formación nacionalista, moitas destas persoas teñen dificultades de mobilidade ou recursos limitados para desprazarse e mercar auga embotellada, polo que a Administración local debe actuar con responsabilidade e sensibilidade social. Outros Concellos galegos xa aplican protocolos semellantes en episodios de turbidez ou contaminación, amosando que é unha medida viable e necesaria.
O BNG considera que a protección da saúde pública debe estar por riba de calquera outra consideración e que os Gobernos municipais contan con medios suficientes, en colaboración cos Servizos Sociais e Protección Civil, para organizar este reparto de maneira inmediata e eficaz.
O BNG insta aos alcaldes dos Concellos de San Amaro e de Punxín a que atendan esta demanda da veciñanza e activen canto antes un plan de subministración de auga potable a domicilio, acompañado dunha información clara e transparente sobre a evolución da incidencia.

















