Desde o Grupo Socialista de Ribadavia veñen de denunciar “o absoluto abandono da estrada OU-504, unha vía fundamental para a mobilidade diaria de veciños e condutores, que presenta fochancas perigosas e de gran consideración, rotura xeneralizada do firme, acumulación de pedras soltas e unha sinalización provisional caótica e perigosa”.
O PSdeG-PSOE ribadaviense consideran que “a situación actual non é consecuencia dun episodio puntual de mal tempo nin das últimas choivas; levamos moito tempo avisando da perigosidade que conleva circular por esta vía. Trátase dunha situación de deixadez, irresponsabilidade e falta de compromiso do alcalde do PP, que leva máis de dous anos e medio sen solución para esta estrada. Que non traten de enganar á veciñanza co mal tempo; sería un intento burdo de ocultar a falta de xestión”.
O grupo socialista apunta que “resulta especialmente grave que este abandono deixe en tan mal lugar ao propio alcalde, veciño da parroquia, que lonxe de exercer o seu papel institucional e reclamar con firmeza á Xunta de Galicia (administración competente nesta estrada) optou pola inacción, deixando que a vía se deteriore aínda máis. Que a estrada sexa competencia da Xunta non exime ao alcalde de responsabilidade; ao contrario, obrígao a actuar. A pasividade do alcalde de Ribadavia, César Manuel Fdez., ante o desentendemento total da Xunta, converte unha mala xestión autonómica nunha irresponsabilidade compartida, unha vez máis”.
Para o PSdeG-PSOE de Ribadavia esta situación trae consecuencias “evidentes e perigosas”, como condutores que denuncian golpes continuos ao caer en fochancas profundas; risco real de accidentes, incluíndo reventóns de pneumáticos ou perda de control do vehículo; pedras acumuladas procedentes da rotura do firme, que incrementan o perigo na circulación, e prexuízos directos para os veciños e veciñas que circulan diariamente por unha estrada impracticable.
“A resposta do alcalde foi encher a vía de conos, incluso colocando algúns no medio do carril, convertendo a circulación nun auténtico eslalon con entre cinco e dez conos ao longo do trazado, dificultando a condución e incrementando a inseguridade viaria. Isto non é unha solución; é un parche que evidencia deixadez e falta de planificación”, indican.
E lembran que cando gobernaba o PSOE, o Concello buscou e asegurou financiamento coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para executar saneamento, abastecemento e beirarrúas nun tramo desta mesma estrada, cun investimento de 800.000 euros, a pesar de tratarse dunha vía de competencia autonómica, de xeito que “daquela, os veciños e veciñas de San Cristovo tiveron resposta; non lles demos as costas: iniciativa, traballo e responsabilidade”. Engaden que “o goberno do PSOE afrontamos episodios de choivas intensas, inundacións, incendios forestais e períodos de seca, e respondemos con eficacia e responsabilidade. Polo tanto, o mal tempo non serve agora como escusa para xustificar a inacción dun goberno que leva case tres anos sen dar resposta”.
O grupo socialista ribadaviense manifesta que, “unha vez máis, a Xunta de Galicia dá as costas a Ribadavia no eido das súas competencias, nunha vía clave para a mobilidade, onde xa deixara tirada a nosa vila. A estrada é titularidade da Xunta, gobernada polo mesmo signo político que o alcalde de Ribadavia, e incluso tendo a Deputación de Ourense a prol, non son capaces de coordinarse nin de traer recursos a un concello do PP”, e esixen ao alcalde “que deixe atrás a inacción. Non é novo en materia de gobernanza neste concello: xa estivo dous anos na anterior lexislatura, nos que non foi quen de dar solución a esta estrada. Polo tanto, debe asumir plenamente a súa responsabilidade e instar de inmediato á Xunta de Galicia á reparación integral da OU-504. Non pode agardar ás eleccións para ofrecer solucións, para comprar vontades, porque os veciños e veciñas son os principais prexudicados”.















