A Deputación de Ourense mobiliza máis de 326.000 euros para apoiar aos concellos e impulsar a creación cultural

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe un total de once acordos que supoñen a mobilización de 326.491,32  euros en investimentos directos para os concellos e en accións culturais estratéxicas para o conxunto da provincia, reafirmando así “o modelo de xestión da Deputación de Ourense baseado no traballo constante, o apoio directo aos concellos e políticas útiles que melloran o día a día da veciñanza”, explicou o presidente provincial, Luis Menor, quen afirmou na rolda de prensa posterior á sesión que “a Deputación continúa así avanzando, concello a concello, na construción dunha provincia máis cohesionada, máis viva e con máis oportunidades”.

A sesión estivo marcada por dous grandes eixos prioritarios da acción provincial: o apoio directo e constante aos concellos, cun investimento de 226.491,32 euros, e o impulso decidido á cultura, ao coñecemento e á creación editorial, a través da aprobación do Plan Anual de Publicacións da Deputación para o exercicio 2026, dotado con 100.000 euros.

No ámbito cultural, a Xunta de Goberno deu luz verde ás bases reguladoras e á convocatoria do Plan Anual de Publicacións 2026, unha ferramenta clave para garantir que o talento local, a investigación e a creación artística cheguen á cidadanía.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O plan conta cun orzamento total de 100.000 euros e divídese en dúas modalidades case ao cincuenta por cento: Por unha banda, as obras de edición directa, cun investimento de 47.398,56 euros, destinada a proxectos xa definidos pola institución. A segunda modalidade é a de concorrencia competitiva, con 52.601,44 euros, aberta a propostas externas mediante concurso público.

Entre as principais actuacións de edición directa destacan a reedición de obras vinculadas á Vía da Prata, a publicación de novos números da revista Raigame, o Anuario da Gaita, a edición dun facsímile de Lamas Carvajal, estudos de investigación sobre o rural ourensán e a edición do XXI Premio Pura e Dora Vázquez, destinado a promover o talento mozo.

O plan inclúe tamén dúas liñas de axuda en concorrencia competitiva, orientadas á edición de obras sobre bens culturais específicos da provincia e a unha liña xeral aberta a estudos históricos, científicos, literarios ou musicais de autores ourensáns, así como á divulgación do patrimonio natural.

No ámbito da cooperación municipal, a Xunta de Goberno aprobou diversas actuacións destinadas a garantir servizos básicos dignos no rural e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

No bloque de infraestruturas e servizos básicos, especialmente en materia de saneamento e abastecemento, mobilizáronse máis de 120.000 euros para actuacións en concellos como Beade, Cortegada, Xinzo de Limia e Parada de Sil.

O segundo bloque estivo centrado no deporte e na mellora urbana, cunha aposta decidida pola modernización de instalacións deportivas e o mantemento de vías municipais. Entre os investimentos aprobados figuran actuacións en O Barco de Valdeorras, A Arnoia e Riós, destinadas a mellorar equipamentos deportivos, espazos públicos e a seguridade viaria.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------