O Concello de Ribadavia logrou hoxe un novo impulso ao seu comercio local coa firma dun acordo de colaboración con ABANCA, que poñerá a disposición dos comerciantes e artesáns adheridos ao programa Vilas Vivas unha serie de produtos e servizos financeiros pensados e adaptados ás súas necesidades.
O convenio foi asinado esta mañá polo alcalde, César Fernández, e polo director territorial de ABANCA en Ourense, José María Jardón. Durante o acto, Fernández destacou que “este acordo supón un apoio fundamental para o impulso do comercio de proximidade do noso casco histórico que xa estabamos a facer grazas a iniciativas coma a do Vilas Vivas. Agora, grazas a este financiamento, os nosos comerciantes e artesáns poderán mellorar a súa competitividade e garantir un comercio vivo e atractivo para residentes e visitantes”.
Precisamente, o proxecto Vilas Vivas, impulsado pola Xunta de Galicia, busca recuperar e dinamizar o comercio local en vilas históricas. En Ribadavia, estreouse durante este último Nadal coa apertura do mercado de artesanía e produtos locais Saber e Sabor, que combinou compras con actividades culturais e gastronómicas, fomentando a atracción de visitantes ao casco histórico.
O acordo inclúe liñas de financiamento e produtos adaptados aos negocios locais, como préstamos persoais, leasing mobiliario, pólizas de crédito, liñas de desconto, avais ou confirming. Tamén se lles facilita o acceso a servizos dixitais, como a banca electrónica ou o servizo Appúntame, así como a contratación de TPVs físicos e virtuais. Ademais, poderán beneficiarse do Programa Servizos ABANCA, deseñado para autónomos e microPEMEs, que permite aforrar nos servizos bancarios máis habituais.
En palabras de José María Jardón: “con este convenio, desde ABANCA ofrecemos solucións financeiras completas para o día a día dos comerciantes e artesáns. Trátase dun acordo deseñado por diferentes equipos da entidade co obxectivo de impulsar a competitividade do comercio local, que é clave para o desenvolvemento económico de Ribadavia. Sen dúbida, trátase dunha mostra máis do compromiso da nosa entidade co comercio de proximidade”.
A firma deste acordo evidencia o traballo do Concello de Ribadavia a prol da recuperación da vida na vila e concretamente no seu casco histórico por medio do impulso ao comercio de proximidade, fundamental para a economía local e para manter o dinamismo de todo o municipio e mesmo a comarca, ao tempo que reforza a capacidade da vila de atraer visitantes grazas ao seu patrimonio, gastronomía e oferta cultural.
















