O Concello de Ribadavia vén de actualizar cál é a situación das avenidas derivadas do temporal de vento e fortes precipitacións, apuntando que se mantén en niveis elevados e con tendencia ascendente nos principais cursos fluviais da contorna.
No que respecta aos ríos, o Avia ten un caudal de preto de 184 metros cúbicos por segundo, e acada un nivel de 3,22 metros sobre o habitual con tendencia a subir, polo que se mantén o Nivel Laranxa de alerta.
Na confluencia do Avia e o Miño, na zona de A Barca e A Foz, o nivel do cauce sitúase nos 4,22 metros, tamén con tendencia a subir, polo que se establece o Nivel Vermello de alerta.
Os equipos do Servizo Municipal de Emerxencias revisaron e procederon ao balizado daquelas zonas do municipio susceptibles de inundación, na contorna dos ríos Avia, Maquiáns, Miño e Outeiro, de xeito que se mantén cortada a rúa Veronza debido ao desbordamento do río Maquiáns.
Dende o Concello rógase á veciñanza non achegarse ás marxes fluviais, evitar desprazamentos innecesarios nas zonas afectadas e respectar en todo momento os cortes e a sinalización.
















