A Xunta de Galicia deu a coñecer os centros educativos gañadores do concurso do Día das Letras Galegas 2026, dedicado a Begoña Caamaño, que recaeron no colexio ourensán de Ribadavia e no instituto Castelao, de Vigo, polas súas exposicións nas que poñen en valor as achegas da homenaxeada á cultura e lingua galega a través do seu labor xornalístico e literario.
O certame, convocado polas consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e FP, ten como obxecto implicar a comunidade educativa nesta efeméride e que lles permite coñecer máis profundamente a figura da homenaxeada e tamén a época na que viviu. De igual xeito, estes traballos amplían a oferta de materiais didácticos e divulgativos en galego ao redor desta efeméride nos centros educativos galegos.
Deste xeito, na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, a proposta gañadora deste ano foi Begoña Caamaño, un camiño de sementes, elaborada polo colexio Plurinlingüe de Ribadavia. Mentres, na categoría B, destinada á educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, a exposición premiada foi De Circe a Morgana, do instituto o Castelao, de Vigo.
O xurado valorou tamén que cada mostra estea acompañada da correspondente guía didáctica, que permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e época da homenaxeada o Día das Letras Galegas 2026.
Tras a resolución do certame, cada centro educativo gañador recibirá un premio en metálico de 2.000€, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha dos traballos seleccionados obterá unha certificación de primeiro premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación, que será de 30 horas no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto.
Ademais, a colección de dez carteis que integra cada mostra e a súa guía didáctica será impresa e distribuída en centros de ensino de Galicia e do exterior e tamén en bibliotecas. Do mesmo xeito, estará dispoñible no Portal da lingua galega para a súa descarga libre e gratuíta, canda outros materiais elaborados pola Secretaría Xeral da Lingua e polos equipos de dinamización da lingua galega.

















