A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, desprazouse hoxe ata O Carballiño para supervisar os traballos de rehabilitación dunha das dúas vivendas adquiridas á Sareb pola Xunta de Galicia no barrio da Uceira, acompañada polo alcalde en funcións do municipio, José Castro.
A titular do departamento autonómico explicou que das 80 vivendas mercadas en Galicia, 40 xa se atopan rehabilitadas, e que na semana vindeira abrirase o proceso de adxudicación destas ás persoas inscritas no rexistro de demandantes, que no caso do Carballiño son un total de 60 solicitantes.
Martínez Allegue salientou que este tipo de vivendas están totalmente protexidas en relación cos prezos e renta dos demandantes, e poden ser adxudicadas en réxime de aluguer ou venda.
















