A Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) do Conservatorio Profesional de Música de O Carballiño desexa trasladar á comunidade educativa e á opinión pública a súa valoración en relación coa obra executada no centro no marco do Expediente 9005/2024, cuxa finalidade era a reforma do edificio Multifuncional e, especificamente, a implantación de solucións de mitigación da concentración de gas radon.
Segundo consta no proxecto técnico, a actuación tiña como obxectivo garantir a protección fronte ao radon conforme á normativa vixente, reducindo as concentracións deste gas nos espazos habitables do centro por baixo do nivel de referencia de 300 Bq/m³.
Finalizadas as obras, realizáronse medicións oficiais por laboratorio acreditado. Á vista dos resultados obtidos, constatamos que existen dependencias que superan o nivel de referencia e outras que presentan valores moi próximos ao mesmo.
As seis medicións máis críticas son as seguintes:
1. Dirección: 342 Bq/m³
2. Sala 14: 317 Bq/m³ (aula 8 destinado a linguaxe musical e clases de materias colectivas)
3. Sala 13: 297 Bq/m³ (aula 7 destinado a linguaxe musical e clases de materias colectivas)
4. Sala Orquestra: 263 Bq/m³ (aula de percusión,de orquestra e banda infantil do conservatorio)
5. Sala 11: 246 Bq/m³ (aula 5 aula de vento madeira)
6. Sala 12: 232 Bq/m³ (aula 6 aula de piano)
Especialmente preocupantes resultan as dúas primeiras, que superan claramente o límite regulamentario, así como a Sala 13, situada practicamente no limiar permitido.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Desde a ANPA queremos expresar, con absoluto respecto ás institucións implicadas, que:
A finalidade da obra era garantir a mitigación efectiva do radon.
A existencia de espazos por riba do nivel de referencia evidencia que o obxectivo non se acadou plenamente.
Nun centro educativo, onde a exposición afecta a menores de idade e profesorado durante períodos prolongados, non deben asumirse situacións límite nin marxes mínimas de seguridade.
En consecuencia, consideramos que:
1. A obra non pode entenderse como plenamente conforme mentres existan espazos que superen os 300 Bq/m³.
2. Non debería procederse á recepción definitiva da actuación ata que se adopten e verifiquen medidas correctoras adicionais.
3. Deben ampliarse ou reforzarse as solucións de mitigación e/ou ventilación nos espazos que superan o límite.
4. Debe aplicarse o principio de precaución, estendendo actuacións preventivas tamén aos espazos con valores moi próximos ao nivel de referencia, co fin de garantir unha marxe de seguridade real e estable no tempo.
A ANPA non pretende xerar confrontación nin alarma innecesaria. O noso único obxectivo é defender o dereito do alumnado, das familias e do profesorado a desenvolver a súa actividade nun entorno seguro e plenamente conforme coa normativa de salubridade.
Confiamos en que as administracións competentes e a empresa executora adopten con dilixencia as medidas necesarias para garantir a protección efectiva de toda a comunidade educativa.
A saúde do alumnado e do profesorado debe ser sempre a prioridade.
O Carballiño, 27 de febreiro de 2026 ANPA do Conservatorio do Carballiño

















