Xinzo e Monterrei acollen un curso do Inorde sobre poda rexenerativa en viñedos para prolongar a súa vida útil

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, organiza unha actividade formativa especializada en poda rexenerativa e de “respecto” no viñedo. Esta iniciativa desenvolverase os días 6 e 7 de marzo en Xinzo de Limia e Monterrei co obxectivo de dotar aos viticultores de técnicas que freen a deterioración prematura das cepas e fomenten a sustentabilidade do sector.

Esta formación enmárcase nun proxecto de colaboración transfronteiriza entre España e Portugal que busca solucións de economía circular. No contexto do viñedo, a estratexia céntrase en aumentar a vida útil das plantas, revertendo a tendencia actual onde as novas plantacións apenas alcanzan os 25 anos de media, fronte aos máis de 80 anos que presentan as viñas vellas.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

As prácticas agresivas das últimas décadas, orientadas á produción intensiva e a dependencia química, aceleraron a morte das cepas. A “poda de respecto” xorde como un remedio efectivo para permitir que a vide desenvolva o seu potencial de forma natural e evitar feridas innecesarias.

Programa das xornadas

O curso combina sesións teóricas e prácticas dirixidas polos enxeñeiros agrícolas Enrique Santiago Pérez Espiño (técnico da DO Valdeorras) e Ricardo Dobao Macía (director técnico de Adega A Coroa).

A parte teórica está prevista para o venres, día 6, no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro que posúe o Inorde en Xinzo de Limia. Alí abordaranse conceptos de fisioloxía da vide, os “conos de desecación” causados por feridas de poda, a xestión do equilibrio e os erros máis comúns no campo.

O sábado, día 7, será a quenda da xornada práctica na leira experimental situada xunto ao Castelo Monterrei. Os asistentes aplicarán sobre o terreo os conceptos teóricos de formación e técnicas de poda de respecto.

Sobre o proxecto

Esta xornada formativa enmárcase na actividade 3, Accións Piloto de solucións Sistémicas, do proxecto europeo 0035_CIRCULAR SYSTEMS_6_E: “Ecosistemas territoriais e solucións de economía circular para previr a contaminación”, dentro do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg VI A España-portugal (POCTEP) 2021-2027. Fondos FEDER.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------