O barrio de Flores, no casco histórico da vila do Arenteiro, acolle dende esta tarde a 30ª edición da Feira Festa da Pepa Loba, coa apertura dos postos de exposición e venda de mercadorías e artes plásticas e un faladoiro, que terá lugar na Eira deste núcleo urbano e que estará centrado no oficio dos afiadores e o seu idioma propio, o chamado ‘barallete’.
Esta actividade comezará ao fío das 20,00 horas, coa participación de Laura Paz Fentanes, investigadora do barallete e as súas variantes; Xosé Luis Sobrado, historiador e investigador do Centro de Estudios Chamoso Lamas, e do afiador Pepe Campos.
Xa pola noite, ás 23,00 horas, a contorna da Fonte de Flores será o escenario da tradicional queimada popular, que estará amenizada por un grupo musical.


















