O PSdeG denuncia o desmantelamento da unidade de paliativos do CHUO e reclaman un aumento inmediato de personal especializado

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Ourense anunciou hoxe a presentación dunha serie de iniciativas parlamentarias no Pazo do Hórreo co obxectivo de “blindar e reforzar” a Unidade de Paliativos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Os socialistas denuncian o desmantelamento e a falta de recursos están a poñer en risco a calidade asistencial nun momento de máxima vulnerabilidade para os pacientes e as súas familias.

A deputada ourensá, Carmen Dacosta, subliñou que “a dignidade no final da vida non pode ser unha cuestión de códigos postais nin de orzamentos recortados”. Dacosta sinalou que a provincia de Ourense, coa súa pirámide poboacional altamente envellecida, require dunha estratexia de coidados paliativos “robusta, humana e dotada de medios suficientes”, algo que, segundo os socialistas, a Xunta de Galicia
está a desatender e ante esto pregúntanse “Cal é a fórmula máxica da Xunta para que paliativos pasase de ser unha unidade pioneira con lista de agarda de camas a contar neste momento con cero doentes”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------


As iniciativas rexistradas polo grupo socialista inclúen os seguintes puntos clave: o incremento de persoal, coa contratación urxente de máis profesionais de enfermaría, medicina especializada e auxiliares para reducir a carga de traballo e garantir unha atención individualizada; o apoio psicolóxico e social, co reforzo dos equipos de psicoloxía clínica e traballo social, esenciais para o soporte emocional tanto do paciente como da contorna familiar; e, finalmente, a mellora de infraestruturas, coa adecuación dos espazos físicos na unidade para garantir a intimidade, o confort e un ambiente axeitado para o descanso.

Desde o PSdeG-PSOE lembran que os coidados paliativos non son un “privilexio”, senón un dereito recollido na normativa sanitaria. “Estamos a falar de aliviar o sufrimento. A Xunta non pode seguir mirando para outro lado mentres os profesionais da unidade fan esforzos heroicos sen os medios necesarios”, denunciou Dacosta. Os socialistas instan ao goberno galego a que acepte estas propostas e que se realice unha auditoría técnica sobre as necesidades reais da Unidade de Paliativos do CHUO para evitar o colapso do servizo nun futuro próximo. “O compromiso coa sanidade pública demóstrase con feitos e orzamentos, non con promesas baleiras mentres a xente máis vulnerable sofre as consecuencias dos recortes”, concluíron.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------