Cristina Martínez Penas é alumna de 4º curso do Grao de Comunicación Audiovisual, na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo.
En 2026 seguimos loitando pola igualdade de xénero. Por iso continúa sendo necesario conmemorar cada ano o 8M para facer visible que a batalla non terminou e que aínda queda moito camiño por percorrer cara a unha sociedade verdadeiramente igualitaria.
Neste contexto, o estudo Transparencia voluntaria en la Universidad española: Estudio de la web en la efeméride del 8-Marzo, Día Internacional de las Mujeres de Anna Amorós-Pons e Silvia Alende-Castro, pon o foco en como as universidades españolas reflectiron o 8M nos seus portais web en 2025, analizando a visibilidade institucional dedicada á efeméride.
Esta investigación concluíu que o 75% das universidades do país teñen algunha mención nas súas web sobre este día, observando unha “evolución en positivo no nivel de transparencia conseguido na Universidade española”. Con todo, establécese unha gran diferenza entre os centros públicos e privados, mostrando unha maior implicación das universidades públicas ante a efeméride. Das 50 públicas, 48 publicaron algún tipo de contido relacionado con este tema, mentres que das 41 privadas, só a metade o fixo. Este tipo de referencias ao 8M situáronse segundo cada institución en diferentes modalidades nos seus portais web (en axenda, banners, como noticia do día etc.) presentando diferentes niveis de compromiso coa causa.
Por último, o estudo tamén avalía a relación desta presenza nos portais en liña do 8M, Día das Mulleres con cursos ou mestrados ofertados polas universidades. Móstrase que non existe unha conexión directa entre estes dous aspectos, xa que algúns centros ofrecen estes servizos sen difundir información de forma destacada sobre o 8M. Ademais, obsérvase que “hai universidades onde é moi visible a presenza da Igualdade nos cargos do equipo de goberno da institución, pois hai vicerreitorías en cuxo enunciado contémplase a palabra “Igualdade””.
Con todo, a verdadeira cuestión é: esta “visibilidade” que se lle dá ao 8M nos portais web é suficiente para concienciar sobre a falta de igualdade de xénero na sociedade actual? Mostra realmente a necesidade de reforzar estas estratexias e a implicación social co fin de conseguir unha comunidade equitativa? É evidente que non todas as institucións comprenden a importancia de adaptar as súas estratexias comunicativas para lograr unha maior concienciación social, xa que, a pesar de que moitas universidades ofertan servizos de igualdade, non sempre asumen a responsabilidade de publicar contido que reforce ese compromiso.
Profundando máis no aspecto divulgativo do Día das Mulleres, os espazos educativos funcionan como axentes de cambio, sendo imprescindibles para a formación de calquera persoa, non só na universidade senón tamén nos colexios. É imprescindible dar maior visibilidade á importancia desta efeméride co obxectivo de reducir as desigualdades tanto laborais como persoais, e para iso resulta fundamental comezar desde a base: as escolas.
Se a comparamos con outras conmemoracións reivindicativas como o Día da Paz ou o Día do Traballador, existe un consenso social máis amplo ao redor da necesidade de convivir nun mundo pacífico e querer unhas condicións laborais dignas, polo que a súa celebración conseguiu concienciar a unha maioría da poboación. Con todo, non sucede o mesmo cando falamos da situación da muller.
Segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS,2025), “o 67% das españolas cre que as desigualdades de xénero seguen sendo moi grandes ou bastante grandes”, mentres que a percepción dos homes que recoñecen esta brecha de xénero redúcese en 20 puntos. A maioría pensa que non se chegará a un equilibrio ata unha maior implicación do xénero masculino.
O problema radica, en gran parte, na falta de coñecemento e concienciación sobre estas diferenzas, especialmente en cuestións como a brecha salarial. Outro ámbito no que se evidencian desigualdades profundas é o da violencia de xénero: en 2024, 49 mulleres foron asasinadas a mans de homes, mentres que os casos inversos foron significativamente menores, con 4 homes asasinados por mulleres. Estas cifras reflicten que esta discriminación non é unha percepción esaxerada, senón unha realidade que segue presente na actualidade.
Máis alá dos datos, a representación do 8M, tanto en universidades públicas como privadas, así como noutros espazos, supón un avance para cambiar a situación actual. Con todo, non é suficiente con facer visible a efeméride en portais web, senón que se require dun compromiso social por parte de toda a poboación, recoñecendo as desigualdades existentes sen que ninguén senta inferior ao resto. Aínda queda un longo camiño por percorrer para que esta presenza dixital convértase nunha transformación real.
REFERENCIAS
Amorós-Pons, A. E Alende-Castro, S. (2025). Transparencia voluntaria en la Universidad española: Estudio de la web en la efeméride del 8-Marzo, Día Internacional de las Mujeres. Historia y Comunicación Social 30(2), 499-508. https://doi.org/10.5209/hics.105883
Consejo General del Poder Judicial (2025, 5 mayo) La violencia de género en el ámbito de la pareja o expareja causó la muerte de una mujer cada 7,6 días durante 2024 | CGPJ | Poder Judicial | En Portada. Consejo General del Poder Judicial. https://acortar.link/QnHcHF
CIS. (2025, 9 diciembre). La percepción de los hombres sobre igualdad difiere mucho de la de las mujeres, ya que solo el 48% de los varones tiene la sensación de que las desigualdades son muy grandes. ICEX. https://acortar.link/BbjAm9
Ministerio de Igualdad. (2026, 23 febrero). Mujeres. Delegación del Gobierno Contra la Violencia de Género. https://acortar.link/IGzHm0
Outros artigos de Cristina Martínez Penas:
A opinión de Cristina Martínez Penas: “A mirada simbólica de Lola”
















