Este galardón nace con vocación de continuidade para recoñecer cada ano a traxectoria de mulleres referentes no ámbito empresarial e profesional
O presidente da CEO, David Martínez, e a vicepresidenta, Beatriz Gómez, destacaron a figura e o legado de Marisol Novoa, primeira muller que presidiu unha organización empresarial provincial en Galicia
Ourense, 9 de marzo de 2026_ A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) celebrou esta mañá un acto con motivo do Día Internacional da Muller no que anunciou a creación do Recoñecemento Impulsa Marisol Novoa, unha nova distinción destinada a poñer en valor a traxectoria e o liderado de mulleres referentes no tecido empresarial e profesional.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O evento tivo lugar no patio da sede empresarial, onde se congregou ao redor dun centenar de mulleres e homes procedentes de distintos sectores empresariais, entidades e organismos da provincia, nun encontro que puxo de relevo o compromiso da organización coa igualdade de oportunidades no ámbito económico e social.
Durante a súa intervención, o presidente da CEO, David Martínez, destacou que este recoñecemento está destinado ás mulleres da provincia e co obxectivo de manter no tempo o legado de Marisol Novoa ‘que tanto fixo pola muller e por esta provincia’.
A vicepresidenta da CEO, Beatriz Gómez, foi a encargada de presentar oficialmente o Recoñecemento Impulsa Marisol Novoa, que nace para honrar a memoria de quen foi presidenta da organización entre 2019 e 2025 e pioneira ao converterse na primeira muller en presidir unha organización empresarial provincial en Galicia. O galardón, explicou, ‘nace con vocación de continuidade para celebrarse cada ano en torno ao 8 de marzo e recoñecer traxectorias que contribuísen ao desenvolvemento económico e social desde o liderado feminino’.
Nesta primeira edición, a CEO outorgou este recoñecemento a Ana María Méndez Gómez, pola súa destacada traxectoria profesional e o seu compromiso co impulso do asociacionismo feminino e a igualdade de oportunidades. Méndez foi presidenta da Asociación de Empresarias de Ourense (AME) durante tres mandatos e foi tamén a primeira presidenta da Federación Hispano-Lusa de Empresarias, ademais de continuar actualmente o seu labor en iniciativas orientadas a visibilizar o papel das mulleres en distintos ámbitos profesionais.
Coa creación deste recoñecemento, a CEO busca consolidar unha cita anual que manteña vivo o legado de Marisol Novoa e continúe impulsando o liderado feminino no ámbito empresarial.

















