O auditorio do IES O Ribeiro de Ribadavia acollerá o vindeiro 23 de marzo a xornada “ValorARTE – Arte e futuro profesional da xuventude: da creatividade á innovación”, unha iniciativa organizada pola OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) do Concello de Ribadavia co obxectivo de poñer en valor as profesións creativas e artesanais e abrir novas perspectivas laborais para a mocidade.
A OMIX é o servizo municipal dedicado á información, asesoramento e dinamización xuvenil, promovendo actividades formativas, culturais e de participación para a mocidade do municipio.
A iniciativa enmárcase no proxecto europeo “CRAFTS: Crafting Futures – Empowering Youth Through Traditional Skills”, desenvolvido ao longo do último ano dentro do programa Erasmus+ (KA2) e financiado pola Comisión Europea. O proxecto está liderado polo Concello de Ribadavia e conta coa colaboración de entidades internacionais como GDAC (Italia), Wise Planet (Portugal) e Formative Footprint (Valladolid).



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Para esta ocasión, a OMIX organiza o evento multiplicador en colaboración co IES O Ribeiro, contando co apoio especial da rama de artes do centro e dos ciclos formativos de alimentaria e automoción de Ribadavia. O obxectivo é crear un espazo de diálogo e encontro entre profesionais, estudantes e comunidade educativa arredor das oportunidades que ofrece o ámbito creativo.
A xornada combinará relatorios, dinámicas participativas, mesas redondas e espazos expositivos (das ramas de artes e os ciclos de automoción e alimentarias de Ribadavia). Durante a mañá abrirase o programa cunha apertura institucional a cargo do IES O Ribeiro e do Concello de Ribadavia. A continuación, a especialista Carlota Corzo Álvarez ofrecerá unha charla sobre creatividade, tecnoloxía e impacto social.
Posteriormente celebrarase a dinámica participativa “Estudei Arte, e agora que?”, en formato World Café, guiada por Ío Bru, na que se reflexionará sobre as saídas profesionais no ámbito artístico. A sesión matinal completarase con stands e obradoiros relacionados cos sectores da automoción, a industria alimentaria e as artes visuais, coordinados por Laura Tova.
Pola tarde terá lugar unha mesa redonda con profesionais vinculados á creación e á innovación, na que participarán Marcos Saavedra, Martín González Alonso (da empresa Ribadaviense NEOCAR), Antonio Míguez Amil (Boas Vides) e Laura Tova. O encontro permitirá coñecer diferentes experiencias profesionais e analizar as oportunidades que ofrecen as industrias creativas. A programación concluirá cun peche aberto ás familias, pensado para compartir cos asistentes as conclusións e aprendizaxes do día.
“ValorARTE” busca visibilizar o potencial das habilidades creativas e tradicionais como ferramenta de futuro profesional para a mocidade, fomentando ao mesmo tempo a innovación, o emprendemento e a conexión entre formación, talento e territorio.
O evento terá lugar no Auditorio do IES O Ribeiro e a feira profesional no patio do propio centro educativo e está dirixido principalmente ao alumnado, profesionais do sector creativo e persoas interesadas nas novas oportunidades que xorden arredor da artesanía, a arte e a innovación. Para inscribirse pode facerse a través deste enlace bit.ly/valorARTE ou do correo electrónico omix.ribadavia@gmail.com
















