A Casa do Concello do Carballiño acolle dende hoxe a exposición “En defensa da Antártida”, título dun percorrido de imaxes e textos que mostra o desenvolvemento de proxectos na Antártida nos que o Ministerio de Defensa traballa e dá apoio en cada Campaña Antártica. A mostra foi inaugurada coa presenza do subdelegado do Ministerio de Defensa en Ourense, o coronel Jesús Antonio Peñas Preckler, e o teniente coronel Juan José Vázquez Moreira, acompañados polo alcalde en funcións, José Castro, e o concelleiro de Cultura, Diego Fernández.
O respaldo do Ministerio de Defensa atende as necesidades dos programas de investigación deste modelo de cooperación entre institucións públicas e privadas ao servizo da I+D+i baixo a coordinación do Comité Polar Español, integrado no Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O labor científico de España na Antártida desenvolveuse ininterrompidamente cada verán austral desde 1987-1988, data da I Campaña Antártica. A Campaña Antártica, coordinada polo Comité Polar Español ―autoridade adscrita ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades―, ten como principal obxectivo o desenvolvemento de proxectos científicos aprobados en programas de investigación científica, técnica e de innovación.
Os visitantes atoparán uns manequíns que mostran o equipamento co que os científicos se preparan para afrontar as duras condicións do continente xeado, e unha serie de paneis expositivos achega ao público aos proxectos científicos e aos traballos técnicos que España desenvolve na Antártida, poñendo en valor a investigación que se realiza neste territorio crave para comprender o funcionamento do planeta.

















