O Concello do Carballiño celebrou onte, na Fábrica de Papel, a ‘Gala de Recoñecemento ás Pulpeiras e Pulpeiros’, unha iniciativa desenvolvida no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), co obxectivo de homenaxear ás persoas que, ao longo de xeracións, fixeron posible a conservación e transmisión dunha das tradicións gastronómicas máis representativas de Galicia.
Esta actuación enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Concello do Carballiño, un proxecto financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, a través dos fondos NextGenerationEU da Unión Europea, que ten entre os seus obxectivos a valorización dos recursos culturais e gastronómicos do destino, así como a conservación e promoción do seu patrimonio material e inmaterial.
O acto reuniu a numerosas pulpeiras e pulpeiros do Carballiño, protagonistas dunha homenaxe que quixo recoñecer a súa contribución á identidade cultural e gastronómica do municipio, así como o seu papel fundamental na proxección do destino turístico vinculado ao polbo á feira. A gala foi inaugurada por José Castro-Gil, alcalde en funcións do Concello do Carballiño, quen destacou o valor patrimonial dunha tradición que forma parte da historia, da cultura e da memoria colectiva da vila. Durante o acto tamén se presentaron as principais actuacións impulsadas a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino e as iniciativas orientadas á creación dun Club de Produto Turístico que contribúa á valorización e promoción deste recurso identitario.

Pola súa banda, Manuel Dacal, concelleiro de Turismo do Concello do Carballiño, trasladou unhas palabras de agradecemento ás pulpeiras e pulpeiros, poñendo en valor o seu esforzo, dedicación e capacidade para preservar un oficio que continúa sendo un dos principais emblemas do municipio.
Un dos momentos máis destacados da xornada foi a presentación do documental “A Memoria nas mans”, unha peza audiovisual realizada por Plácido “Pachi” Baranda, pulpeiro e director de cine, que recolle testemuños e vivencias arredor dun oficio que forma parte do patrimonio inmaterial do Carballiño. A obra constitúe un exercicio de recuperación e conservación da memoria colectiva vinculada á tradición do polbo á feira e ás persoas que a mantiveron viva ao longo do tempo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Durante a gala tamén se deu a coñecer “O Recetario do Pulpo á Feira”, unha publicación que recolle a tradición, os saberes e a relevancia cultural desta elaboración emblemática, contribuíndo á súa difusión e posta en valor entre veciñanza e visitantes.
A clausura institucional do acto correu a cargo de Cecilio Santalices, xefe da Área Provincial de Turismo de Ourense, quen destacou a importancia de preservar e divulgar aquelas tradicións que constitúen elementos diferenciais do territorio e que contribúen a reforzar a súa identidade turística.
A xornada concluíu cun viño de honra na terraza da Fábrica de Papel, onde autoridades, profesionais do sector, pulpeiras, pulpeiros e demais asistentes compartiron un espazo de convivencia acompañado dunha degustación de pinchos, poñendo o broche final a unha celebración dedicada ao recoñecemento dunha das tradicións máis representativas do Carballiño.

















