A Concellería de Muller, Igualdade e Servizos Sociais do Carballiño rexistrou nos últimos meses un notable incremento das solicitudes de tarxetas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida. A cifra de peticións duplicouse desde 2024: se ese ano se tramitaron un total de 44 permisos, só nos seis meses que vai de 2026 xa se rexistraron 35 solicitudes. “A nosa poboación envellece e precisa a nosa colaboración para manter a súa calidade de vida”, sinala Silvia Baranda, concelleira de Servizos Sociais.
As tarxetas de estacionamento permiten aparcar en prazas reservadas en vilas e cidades, así como utilizar durante máis tempo as zonas reguladas ou entrar en espazos de acceso restrinxido. “Trátase dun documento que tramitamos no Concello pero é válido en toda España e na Unión Europea”, explica Baranda.
O persoal de Servizos Sociais dá conta do aumento das solicitudes nos últimos dous anos e prevé que o número siga incrementándose. “Estes permisos son moi útiles para todas as persoas maiores con dificultades de mobilidade, para que poidan seguir desprazándose e facendo tarefas cotiás como ir á compra ou acudir ás citas médicas”, destaca a concelleira.

















