A Xunta reforza os servizos de autobús entre a Gudiña e as comarcas de Valdeorras, Viana e Verín para coordinalos cos novos horarios dos trens a Madrid

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial da Xunta fixo o anuncio esta mañá na súa visita á Estación de autobús do Barco de Valdeorras

Ourense, 18 de xuño de 2026.- A Xunta reforza, a partir do vindeiro luns, día 22 de xuño, os servizos de autobús que conectan a estación de tren da Gudiña–Porta de Galicia coas comarcas de Valdeorras, Viana e Verín, co obxectivo de mellorar a coordinación cos novos horarios dos servizos ferroviarios de alta velocidade con orixe e destino en Madrid. Así o manifestou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, na súa visita á Estación de autobús do Barco de Valdeorras.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial salientou que a implantación dos novos servizos e a realización dos correspondentes axustes mellorarán de xeito significativo a conexión dos concellos de Viana do Bolo, O Bolo, Petín, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e Verín coa estación de tren da Gudiña-Porta de Galicia. “Unha vez máis, adaptamos os servizos ás necesidades da veciñanza para facilitar a súa accesibilidade e potenciar un modelo de transporte público que contribúa á vertebración territorial da provincia e de Galicia”; recalcou o delegado territorial.

“Estes axustes atenden as solicitudes e propostas feitas desde distintos ámbitos da sociedade ourensá e son resultado dunha análise e estudo do aumento da demanda entre estas comarcas”; subliñou Manuel Pardo. Neste contexto, -explicou –  que haberá un total de 10 servizos diarios de autobús coordinados cos horarios dos servizos ferroviarios, que posibilitan a conexión cos trens de ida a Madrid e cos de regreso á Gudiña. Deste total, 3 servizos diarios conectarán con Verín e 7 coas comarcas de Valdeorras e Viana.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Debido ao restablecemento do tren de primeira hora da mañá entre A Gudiña e Madrid, a Xunta viu prioritario facilitar o enlace das persoas usuarias destas comarcas a este servizo demandado pola veciñanza da zona.

En consecuencia, porase en marcha unha liña directa entre Verín e A Gudiña, a única destas características operativa na provincia de Ourense xunto coa liña Ourense–Vigo. Este servizo sairá de Verín ás 06.40 horas e chegará á estación ás 07.20 horas, permitindo a conexión co tren das 07.44 horas con destino a Madrid.

Ao mesmo tempo, axustaranse os horarios dos servizos entre A Gudiña e O Barco de Valdeorras, permitindo o enlace cos trens con saída ás 07.44 e 12.08 horas cara a Madrid.

Así mesmo, tras a análise da demanda dos servizos, optimizáronse diversos itinerarios que permitirá reducir os tempos de viaxe e ofrecer servizos máis directos e eficientes.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal e nas aplicacións para dispositivos móbiles Transporte Público de Galicia e MoBT.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------