Ribeiro en Común celebrou o pasado xoves 11 de xuño unha asemblea na que se analizaron a situación actual do municipio e as liñas de traballo que marcarán a actividade da agrupación nos próximos meses. Un dos principais acordos foi a posta en marcha dun proceso participativo aberto á cidadanía, co obxectivo de construír colectivamente o programa electoral que Ribeiro en Común presentará ás eleccións municipais de maio de 2027.
Para iso desenvolveranse diferentes ferramentas de participación, tanto en formato dixital como presencial e analóxico, que permitirán a calquera veciño ou veciña de Ribadavia e da comarca do Ribeiro achegar propostas, identificar necesidades, formular críticas construtivas e contribuír á definición das prioridades de futuro para o municipio. Este traballo completarase nas próximas asembleas abertas da agrupación, convertendo a participación cidadá no eixo principal da elaboración do programa.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Durante a reunión tamén se reafirmou o compromiso de continuar exercendo unha oposición responsable, útil e construtiva, baseada na presentación de propostas que contribúan a mellorar Ribadavia, ao tempo que se seguirá realizando un labor de seguimento, análise e fiscalización da acción do actual goberno municipal, que conta con maioría absoluta. A agrupación considera que unha oposición activa e transparente é unha ferramenta imprescindible para fortalecer a democracia local e garantir unha boa xestión pública.
Outro dos eixes acordados consiste en poñer en valor o traballo desenvolvido por Ribeiro en Común durante a súa etapa no goberno municipal, destacando as iniciativas impulsadas e os proxectos desenvolvidos nun período relativamente curto a pesar de non ter a Alcaldía. A agrupación considera importante dar a coñecer á veciñanza os resultados obtidos e o impacto das políticas levadas a cabo durante ese tempo.
Finalmente, a asemblea iniciou tamén a reflexión sobre a renovación do proxecto político de cara ás eleccións municipais de 2027. Ribeiro en Común apostará por abrir novos espazos de participación mediante a celebración de asembleas abertas á cidadanía, nas que calquera persoa comprometida co futuro de Ribadavia poida implicarse na actividade da agrupación e, se así o desexa, presentar a súa candidatura para formar parte da futura lista electoral. O calendario de Asambleas abertas comezará tras o verán.
A vontade da agrupación é construír un proxecto cada vez máis aberto, plural e participativo, no que sexa a propia comunidade quen participe activamente na elección das persoas que a representarán e na definición das propostas para o futuro de Ribadavia.
Ribeiro en Común reafirma así o seu compromiso cunha política de proximidade, baseada na participación cidadá, na transparencia e na procura de solucións para mellorar a calidade de vida da veciñanza.















