O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro fai público o completo programa de actividades da Semana da D.O. Ribeiro en Vigo, que se abrirá o vindeiro luns, día 29 de xuño e ata o día 3 de xullo na cidade olívica. A presidenta do organismo, Concha Iglesias Pousa, convida a desfrutar das actividades programadas nesta semana, que se repartirán entre a Zona Franca de Vigo, onde se desenvolverá o Túnel dos Viños do D.O. Ribeiro, así como as catas temáticas e o Auditorio Mar de Vigo, que acollerá a gala de entrega de premios.
O Túnel dos Viños poderase visitar o luns, martes e mércores en horario de 12,00 a 14,00 e de 17,00 a 20,00 horas, con entrada gratuíta, previa inscrición en www.ribeiro.wine/premiosdoribeiro, e en palabras de Iglesias “nel vense reflectidos os tres vales da Denominación (Avia, Miño e Arnoia) e o público pode catar máis de 50 viños, brancos, tintos, monovarietais, coupages… para saír de alí cunha idea xeral de como son os nosos viños e apreciar a calidade e a variabilidade no noso territorio”.
En canto ás catas, desenvolveranse durante as tardes de luns a mércores, de 20,00 a 21,30 horas, na Zona Franca de Vigo, sendo a primeira o luns, que versará sobre os viños tintos D.O. Ribeiro, identidade e diversidade, e estará dirixida por Jorge Vila DipWSET.
O martes, está prevista unha cata especializada en viños brancos plurivarietais e de colleitas antigas, guiada polo catador Alejandro Paadín. Para rematar, o mércores será o momento de descubrir máis a fondo a variedade de uva reina no Ribeiro, a Treixadura, da man do catador Antonio Caldelas, con diversas elaboracións e tipos de viño con esta uva.
XV Gala Premios D.O. Ribeiro
O acto central do programa será a XV Gala Premios D.O. Ribeiro, que terá lugar o xoves, 2 de xullo, a partir das 19,00 horas, no Auditorio Mar de Vigo, e na que como xa é tradicional, recoñecerase o labor de persoas, entidades e lugares que difunden o viño, así como se desvelarán os viños gañadores do Concurso-Cata Oficial da D.O. Ribeiro.

















