O Concello do Carballiño recupera este ano a costume de montar unha mesa no tradicional xantar campestre da romaría da Madanela, que se celebra o próximo día 22 e é a única do municipio, pois a da Saleta, coa que rematan cada ano as festas patronais da vila, ten lugar no termo municipal de Boborás.
A idea xurde como unha forma de participación institucional na celebración, que inclúe misas (a principal, ás 13,00h), procesións e o xantar, pero tamén para axudar á Asociación Cultural Festas de Lobás a financiar os gastos derivados da organización da romaría e o coidado do espazo onde se celebra. Por iso o menú, que será de 30 euros, será tamén un xeito de colaboración coa asociación. O xantar constará de empanada, embutidos, churrasco e postres.
A romaría da Madanela, enmarcada nas festas de Santa Uxía de Lobás (que se celebran do 21 ao 23 de xullo) vai máis alá dos actos litúrxicos para ser tamén unha data de encontro familiar e amizades nunha paraxe que a veciñanza coida con especial mimo, ocupándose tamén da plantación de árbores para que conserve o seu encanto bucólico e siga funcionando como un fantástico refuxio climático.
Para a adquisición dos tíckets do xantar é preciso contactar co Concello a través do teléfono 988 530 007.


















