O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou este venres na clausura oficial das accións incluídas no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Ribeiro-O Carballiño, celebrada no Centro de Interpretación da Cultura Castrexa de San Cibrao de Lás, no municipio de San Amaro e co seu alcalde, Fernando Rodríguez como anfitrión das autoridades presentes. Entre éstas, Francisco José Fernández, presidente do Xeodestino Ribeiro-Carballiño e rexedor de Leiro, acompañado polos seus homólogos e representantes dos concellos das dúas comarcas; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e o responsable de Turismo da Deputación Provincial, Rosendo Fernández.
Os proxectos, que contaron cun investimento de 1,5 millóns de euros, executáronse en colaboración coa asociación Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) O Carballiño-Ribeiro, que integra a 21 municipios de ambas comarcas. Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Enogastronómico de Galicia, dotado cun orzamento global de 34,5M€ e financiado con fondos europeos Next Generation, no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Durante o acto, o director de Turismo de Galicia sinalou que este plan é “unha actuación clave para poñer en valor a nosa enogastronomía como un elemento diferenciador e identitario da oferta turística galega, que actúa de motor socioeconómico do territorio”. O obxectivo principal consistiu en reforzar a imaxe de Galicia como destino turístico de referencia nacional no aproveitamento sostible dos recursos patrimoniais e gastronómicos.
O PSTD puxo o foco en produtos identitarios do xeodestino como o viño do Ribeiro, o pan de Cea, o polbo do Carballiño ou o pemento da Arnoia, para impulsar así a conservación da paisaxe e á dinamización económica do rural. Entre as actuacións desenvoltas, destacou o proxecto ‘Sabedoras do Saber e do Sabor. Cociñas e Cociñeiras Memorables do Ribeiro-Carballiño’, presentado en FITUR 2026 para homenaxear ás cociñeiras do rural e reivindicar a riqueza da gastronomía tradicional galega. Neste sentido, Xosé Merelles explicou que, con estas iniciativas, búscase “que o patrimonio culinario volva ter un lugar central na experiencia turística do destino e que poida xerarse unha oferta auténtica, diferenciada e ligada ao noso territorio”, ao tempo que xera fluxos de visitantes en territorios rurais.
O plan articulouse en catro eixos fundamentais de investimento. O primeiro destinado á transición verde e sostible e o segundo á eficiencia enerxética e ordenación de sendeiros. Mentres, o terceiro e cuarto eixos xiraron arredor da transición dixital e a competitividade turística, incluíndo plans de promoción e a recuperación de arquitectura histórica de adegas e fornos.
A gastronomía é unha das principais liñas de traballo da Estratexia de Turismo 2030. No ano 2025, o turismo gastronómico xerou 160.000 visitantes que fixeron cerca de 764.000 noites en Galicia, o que reflicte a importancia deste tipo de visitantes para o territorio. O mesmo director de Turismo de Galicia incidiu en que “a estratexia pasa por seguir diversificando os fluxos de peregrinos, impulsar itinerarios con gran riqueza patrimonial e paisaxística, ademais de xerar novas oportunidades para os municipios polos que discorre o Camiño”.
















