O BNG do Carballiño a través do seu responsábel local, vai rexistrar no Concello unha solicitude na que insta ao goberno municipal a asumir de maneira inmediata a xestión directa da Escola de Fútbol do Arenteiro, ante a grave situación que atravesa o club e a incerteza que existe sobre o futuro da canteira.
Os nacionalistas lembran que a escola foi cedida no seu día ao CD Arenteiro para a súa xestión conxunta co Campo Municipal de Espiñedo, pero consideran que nos últimos anos este modelo amosou importantes deficiencias. Entre elas, sinalan as reiteradas queixas de familias polo funcionamento da coordinación da escola, a masificación das instalacións da Uceira, a prioridade dada ao incremento das matrículas fronte á calidade do servizo prestado e uns resultados deportivos que se traduciron en varios descensos de categoría.
O BNG tamén lembra que, durante este período, o Concello continuou asumindo o custo de varios adestradores municipais, mentres o club percibía os ingresos das matrículas da escola.A formación nacionalista recorda igualmente que o alcalde manifestou públicamente, nunha asemblea informativa celebrada antes da dimisión da anterior directiva do CD Arenteiro, que o “Concello estaba preparado para asumir a xestión da escola se as circunstancias así o requirían“.
“Hoxe esas circunstancias son unha realidade e é o momento de cumprir ese compromiso”, sinala. Para o BNG, a remunicipalización da Escola de Fútbol é a mellor garantía para asegurar a continuidade dun servizo deportivo fundamental para centos de nenos e nenas do Carballiño, ofrecendo estabilidade ás familias e priorizando o interese público por enriba de calquera outra consideración.
Ademais de solicitar o inicio urxente dos trámites para asumir a xestión da escola, o BNG reclama ao Concello que informe de inmediato ás familias sobre os pasos que se van dar nas próximas semanas, aclarando cuestións fundamentais como a continuidade do nome e do escudo da entidade, así como das categorías nas que competirán os distintos equipos na vindeira tempada.

















