Señorín festexou a Virxe do Carme cunha gran cea e vibrou co triunfo da selección española na Copa do Mundo

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A parroquia carballiñesa de Señorín celebrou esta pasada fin de semana as súas festas na honra da Virxe do Carme cunha afluencia que superou tódalas expectativas da comisión organizadora. Tempo de lecer, divertimento, baile e tamén, de gastronomía e deporte.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un dos pratos fortes dos festexos foi a multitudinaria cea de confraternidade que tivo lugar na noite do sábado, amenizada polo DJ Tibu, e na que participaron máis de 600 comensais antes da animada verbena que amenizou o Trío Banarama.

E xa onte, domingo, outra xornada con récord de participación, co aliciente de poder ver en directo no propio recinto da festa e nunha gran pantalla de vídeo xigante de 4×2 metros a retransmisión do partido final da Copa do Mundo que enfrontou as seleccións de Arxentina e España, e na que os asistentes celebraron e vibraron co triunfo español nunha velada na que non faltaron bocadillos e bebidas para aguantar os 120 minutos de encontro, e na que DJ Tibu foi de novo o encargado de poñerlle ritmo.

A comisión dos festexos tamén introduxo onte unha novidade na programación: a actuación, ás 19,00 horas, da Banda de Música de Boborás na carballeira do antigo campo da festa. O remate das dúas xornadas festivas desenvolveuse cunha verbena protagonizada pola Orquestra Principal.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------