Tra-lo éxito da súa recente viaxe a Zürich, onde representou o seu traballo diante do público de fala hispana residente na Suiza, a compañía de teatro afeccionado Dar Trela do Carballiño regresa á casa cun novo reto escénico: a estrea de “Asasinato no Muiño”, un innovador cluedo teatral que converterá o Museo Etnográfico do Río Arenteiro no escenario dun intrigante crime por resolver.
A presentación desta nova montaxe tivo lugar hoxe na Casa do Concello, coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, que estivo acompañado por Clara Vázquez, Darío Rodríguez e Xavier Nóvoa, integrantes do grupo teatral.
Diego Fernández salientou que “esta é unha obra moi participativa para o público e permite unha viaxe ao pasado combinada con tintes modernos”, polo que convidou a asistir á estrea, o vindeiro venres, 31 de xullo, ás 20,30 horas, na contorna do museo do río ubicado no Parque Etnográfico do Arenteiro. Pola súa banda, Darío Rodríguez lembrou a traxectoria desenvolta por Dar Trela, de preto dunha década, “con montaxes innovadoras como ‘Casa Rohelia’, unha experiencia microteatral, ou ‘Cabaret enxebre’, que representamos recentemente na cidade suíza de Zürich”.
“Pasamos dun xogo de mesa, o cluedo, a un xogo de teatro, no que hai un proceso de investigación para descubrir ao culpable do asasinato, un feito que está aí pero que non se visualiza durante toda a obra”, apuntou Clara Vázquez, que destacou “a auga, o granito e os recunchos do pasado” que se poden atopar no muíño. Asemade, avanzou que “somos 12 actrices e actores que facemos quendas de 4 en cada actuación, polo que cada representación é diferente”, co obxectivo de Dar Trela de “buscar sempre espazos e xeitos novos para o teatro”.
Así, a proposta afástase do formato teatral convencional para ofrecer unha experiencia inmersiva na que o público percorrerá os distintos espazos dos muíños mentres segue as pistas dun misterioso asasinato. Os asistentes non serán simples espectadores, senón que deberán observar, escoitar e sacar as súas propias conclusións para descubrir quen é o culpable.
Xavier Nóvoa comentou que “os pases serán ás 20,30 horas os días 31 de xullo e 1 de agosto, e haberá funcións tódolos venres e sábados seguintes agás as fines de semana correspondentes á Festa do Pulpo, a Festa Castrexa de San Cibrán de Lás, a Feira Pepa Loba e as Festas do San Cibrao”.
O público deberá acudir ao Muíño do Anxo uns 10 minutos antes para mercar as entradas, a un prezo de 8 euros, e reservalas previamente nos teléfonos 645167278 e 600829089, indicando necesariamente a data da función escollida e o número de persoas asistentes.


















