Espazo Común pide aclarar responsabilidades “polos graves feitos” que levaron á suspensión da ‘Pulpo Fest’

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal de Espazo Común rexistrará no Concello do Carballiño unha serie de preguntas sobre o acontecido durante a celebración da ‘Pulpo Fest’ na finca As Barcias coincidindo coa 64ª edición da Festa do Pulpo. Según expoñen dende esta formación política, “antes das 3 da mañá e a falta aínda da actuación de tres dos DJs anunciados, a Festa da Xuventude que se celebrou este pasado domingo nas Barcias, tivo que ser suspendida polos grandes problemas de seguridade que se estaban a producir”.

Ao respecto, apuntan, entre outras incidencias, que se contabilizaron ata “seis rescates de rapaces que caeron ao río Arenteiro e que dous deles saíron en ambulancia. A vida dun deles correu serio perigo e só a rápida resposta dun policía local do Carballiño salvou a traxedia”.

E, en referencia ao comunicado oficial do Concello carballiñés, manifestan que “apelar á responsabilidade individual despois de cambiar a ubicación para mellorar a seguridade é tomarnos a todos por parvos. Na ubicación anterior, en 30 anos, nunca houbera un incidente de seguridade grave. Este ano tiveron que suspender”.

En consecuencia, conclúen que, “chegados a este punto, o que toca é facer balance, desculparse polos erros e rectificar para o futuro”, e formulan ao equipo municipal de goberno do Carballiño preguntas tales como “Por qué o Posto de Mando Avanzado (PMA) que coordina a seguridade de Festa do Pulpo marchou ás 20,00 horas; quén é o responsable da seguridade da Festa? É a mesma persoa que na Festa das Barcias?; cumpliuse a lei no dispositivo organizado?; quén decidiu non vallar o río?; recolle o Plan de Autoprotección unha advertencia clara sobre o perigo da cercanía do cauce do río?; colocouse unha cinta policial de urxencia cando os problemas xa eran evidentes e estaba a situación fóra de control?; quén é o responsable da adxudicación das barras e bar que se ubican no evento? Cumpliuse a legalidade neste procedemento?; estiveron os baños do evento saturados e incluso pechados durante case toda a xornada?; estiveron varios concelleiros despois da 1,00 da mañá apostados entre o festival e o río para tentar evitar que a xente fose alí a facer as súas necesidades?; cántos efectivos de seguridade había no festival á 1,00 da mañá?; quén tomou a decisión final de suspender o evento ante a caótica situación que se estaba a producir?; por qué primeiro se suspendeu a actuación dos DJs e aínda así seguiron a servirse bebidas nas barras?”, e, finalmente, desexan saber se se tomaron “medidas reais de control do consumo de alcohol entre menores”.

Dende Espazo Común anuncian que “todas estas cuestións serán rexistradas polo noso grupo municipal para que o goberno PPSOE resposte a todas e cada unha delas e poidamos esclarecer os responsables, técnicos e políticos, do que puido ser un desastre monumental”.

    PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------