O Carballiño acolleu na pasada noite unha das etapas desta 41ª edición das Xornadas de Folclore da Deputación Provincial de Ourense e co marco incomparable da Praza da Veracruz como escenario. Un auditorio ao aire libre que superou con creces o seu aforo a pesares da instalación de cadeiras na súa parte central, diante do palco habilitado para as actuacións das agrupacións Yitzy Folk Dance Theatre, de Taiwán, Elenco Ñukanchik, de Ecuador, e Folk Dance Group ‘Tucovic’, de Serbia.
Cada un dos grupos ofreceu dous pases e un de propina ao remate, conseguindo os aplausos e unha ovación unánime por parte do público asistente a unha velada inesquecible que estivo acompañada por unha agradable temperatura de ambiente.
A través do seu repertorio, o grupo taiwanés representou as súas cerimonias relixiosas, lendas, feitos históricos e bailes de traballos e festividades, ofrecendo unha ampla representación da cultura tradicional chinesa. Os ecuatorianos representaron as súas manifestacións tradicionais da cultura montubia, afroecuatoriana, amazonia e andina, amosando as diversidades culturais existentes no país sudamericano. Finalmente, o grupo serbio escenificou as relacións entre mulleres e homes nunhas divertidas secuencias que integran a tradición deste país europeo. Esta formación aposta pola presentación do rico folclore serbio dun xeito novidoso e atractivo, no que prevalece o entusiasmo dos seus compoñentes no escenario, todo elo acompañado dun variado e colorido vestiario e unha alegre e contaxiosa música.
Hoxe: Viana do Bolo e Pobra de Trives
Hoxe será a última vez na que as seis agrupacións folclóricas participantes actúen divididas en dous grupos diferentes. Será na Praza Praza Maior de Viana do Bolo e no Patio de Santa Leonor, en Pobra de Trives, as dúas actuacións ás 22,30 horas. Os asistentes esta noite ao Festival de Viana do Bolo poderán gozar coas danzas e o os ritmos que forman o variado repertorio do grupo Elenco Nukanchik de Ecuador, Grupo de Danza Folclórica “Tucović”, de Serbia e Teatro de Danza Folclórica YiTzy, de Taiwán. En Pobra de Trives, o público asistirá ás representacións de parte da historia e das raíces de tres países representados de xeito maxistral por Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center de Armenia; Compañía Nacional de Danza Folclórica de Nieves Paniagua de México e o Ballet Jammu de Senegal.
Mañá: Ourense
O Parque de San Lázaro de Ourense será mañá, 18 de agosto, o punto de partida do tradicional desfile que levará aos músicos e danzantes das seis agrupacións participantes nesta 41ª edición das Xornadas ata a Praza Maior. O percorrido comezará ás 22,30 horas e as actuacións ás 23, 00 horas, Tódalas actuacións son gratuítas.

















