O ‘Espírito Ribeiro’ pon en valor a riqueza vitivinícola da comarca e os produtos de proximidade en Cenlle

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Campo do Cabalo da localidade de Laias, no municipio de Cenlle, acolle esta fin de semana unha programación especial de actividades coa celebración da sexta edición do festival ‘Espírito Ribeiro’, na segunda quenda dun ciclo que comezou o ano pasado en Castrelo de Miño e que rematará na Arnoia no verán de 2027.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Na primeira xornada, estiveron presentes a alcaldesa de Cenlle, Rebeca Sotelo, e os rexedores de Castrelo, Avelino Pazos, e Arnoia, Rodrigo Aparicio, que recibiron a visita do conselleiro de Emprego e Comercio, José González, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, así como do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, entre outras autoridades.

Unha paraxe natural á beira do río Miño no que os asistentes tiveron a oportunidade de gozar do Ribeiro en tódolos sentidos: viño, gastronomía, música, mercado e produtos de proximidade. Unha cita na que o viño da Denominación de Orixe Ribeiro será un dos grandes protagonistas para acompañar estas dúas xornadas, e para elo cóntase coa presenza de Adega do Veleiro, Birimbao, Viña Carpazal, Cotarelo, Nairoa, Xulia Bande, Eduardo Peña, Casal do Canteiro e Bodegas Cunqueiro.

Os visitantes poden atopar nun mesmo espazo artesanía, gastronomía local e programación cultural. No relativo á artesanía, teñen ao seu dispor obradoiros gratuítos que se celebran en horario de 18,00 a 23,00 horas, impartidos polos artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop. A maiores, están presentes seis obradoiros de Artesanía de Galicia: María Aba (Ourense) e Luciérnaga (Barbadás) no ámbito da bixutería; de xoiería Obradoiro Hedra (Vilaboa) e do eido da moda Mimacuir (Taboada) e Bangus e Mamaié, ambas de Ourense.

O programa abríuse á última hora da tarde de onte, sábado, co espectáculo infantil de Pablo Estévez Magia, ao que seguíu o concerto estelar do dúo Cómplices, un dos concertos do programa Xacobeo 2027. Teo Cardalda e María Monsonís encadilaron ao público cos seus éxitos de antaño e as súas novas composicións. O recital do grupo Montoya&Carmona clausurou a primeira xornada.

Unha homenaxe musical a Buena Vista Social Club protagoniza hoxe, ás 19,30 horas, a actividade deste domingo, continuando coa actuación de Queiman Folk Rock, ás 21,30, que porá punto final á programación. ademais, de 17,00 a 20,00 horas está prevista a instalación dos inchables de auga do Xacobeo Splash.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------