O Concello de Ribadavia habilitará esta fin de semana aparcadoiros disuasorios e un servizo gratuíto de buses lanzadeira para facilitar a chegada á XXXVII Festa da Istoria, que se celebrará do venres 28 ao domingo 30 de agosto. O dispositivo mantén os mesmos puntos e horarios do pasado ano e busca favorecer un acceso cómodo ao centro da vila, reducir a circulación de vehículos e contribuír ao correcto desenvolvemento da celebración.
As persoas visitantes poderán estacionar os seus vehículos no patio do IES O Ribeiro e no Polígono Industrial de San Cristovo, habilitados como aparcadoiros disuasorios nas aforas da vila.
O sábado 29 de agosto, día grande da Festa da Istoria, funcionarán buses lanzadeira gratuítos e rotatorios entre as 10.00 e as 22.00 horas. Os servizos partirán desde Francelos, San Cristovo e Sampaio e facilitarán o desprazamento cara ao centro de Ribadavia desde estes puntos próximos.
O Concello recomenda facer uso dos aparcadoiros disuasorios e do transporte colectivo, planificar os desprazamentos con antelación e seguir en todo momento as indicacións dos servizos municipais e da organización.
Restricións de tráfico e estacionamento
O Concello lembra que a celebración da Festa da Istoria obriga a realizar diversas modificacións no tráfico da vila, recollidas no bando municipal emitido previamente para garantir o correcto desenvolvemento dos festexos e das actividades.
O tráfico e o estacionamento estarán restrinxidos nas rúas Salgado Moscoso, Banda La Lira e Yáñez, así como na Praza de San Xoán, desde este xoves 27 de agosto, ás 18.00 horas, ata o domingo 30, ás 22.00 horas.
No resto das rúas do casco histórico, o acceso e o aparcamento estarán limitados desde o venres 28, ás 18.00 horas, ata o domingo 30, ás 22.00 horas.
O goberno local apela á máxima colaboración da veciñanza e das persoas visitantes cos servizos municipais e coa organización, tanto no respecto das restricións como no uso dos estacionamentos e medios de transporte habilitados.
Unha festa respectuosa coa súa identidade
Co obxectivo de preservar a ambientación histórica, garantir a convivencia e permitir o correcto desenvolvemento das actividades oficiais, o Concello lembra tamén que está prohibida a utilización de altofalantes ou equipos de son que emitan música cara á vía pública ou que resulten audibles desde o exterior. Esta medida afecta tanto á rúa como aos locais de hostalaría, adegas e vivendas particulares.
Así mesmo, restrínxese a instalación de barras na vía pública, agás aquelas que conten coa autorización da coordinadora da Festa da Istoria.
Estas medidas buscan manter a identidade e a ambientación propias da celebración, evitar a contaminación acústica e garantir que as actuacións, os espectáculos e o resto das actividades programadas poidan desenvolverse nas mellores condicións posibles.
O sábado, xornada grande da Istoria
O servizo de lanzadeiras coincidirá coa xornada de maior actividade da programación. O Mercado Medieval e o Banco da Alhóndiga abrirán ás 10.30 horas; ás 11.00 horas partirá o Gran Desfile da Istoria e ás 11.30 horas terá lugar o pregón e o nomeamento dos Notables da Istoria.
Ao longo do día sucederanse, entre outras propostas, o Xadrez Vivente, a Voda Xudía, o Duelo de Cabaleiros, a exhibición de cetraría, o Xantar Medieval, o VIII Certame de Vestimenta Medieval, a Carreira de Pipotes e o Gran Torneo Medieval. A xornada rematará ás 23.00 horas na Alameda co concerto do grupo folk A Roda.
A Festa da Istoria prolongarase ata o domingo 30, cun Mercado Artesanal polas rúas e prazas do casco histórico entre as 12.00 e as 21.00 horas, ademais de música e animación durante toda a xornada.
O Concello de Ribadavia anima á veciñanza e ás persoas visitantes a empregar os medios habilitados e a gozar dunha das celebracións máis emblemáticas da vila con responsabilidade, colaboración e respecto polo patrimonio histórico.


















