Espazo Común afirma que a familia de Castro-Gil está a ter “moita sorte” nas contratacións dos últimos tres anos

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal de Espazo Común vén de anunciar que solicitarán o acceso a tódolos expedientes relacionados cos contratos de traballo de familiares directos do alcalde en funcións, José Castro-Gil, do PP, e que foron realizados a través de empresas concesionarias de servizos do propio Concello do Carballiño. No caso de non recibir resposta, non descartan “acudir á xustiza para que se depuren responsabilidades polo mal uso dos recursos públicos”.

Dende esta formación política lembran que “o primeiro ano, nada máis ter responsabilidades de goberno, un dos fillos de Castro-Gil entrou a traballar na piscina municipal do Carballiño quedando fóra outros candidatos. O segundo ano, un dos seus fillos traballou tamén na piscina e outro na de Boborás, ambas concedidas á mesma empresa. Este terceiro ano, un deles foi contratado para a brigada de extinción e prevención de incendios e hai fundadas sospeitas de que outro fose contratado pola empresa concesionaria da piscina municipal (este ano é outra) para cometidos diferentes aos doutros anos”.

“A estas ‘casualidades’ poderíamos engadir as contratacións no clube de balonmán que viu multiplicada a súa subvención dende que Castro-Gil está no goberno ou a adquisición por parte dun adolescente dunha finca dunha hectárea na zona da Granxa de Seoane por onde, casualmente, está previsto que pase a liña de alta tensión de servizo dos novos parques eólicos”, apuntan dende Espazo Común.

“Non discutimos o dereito destes rapaces, coma de calquer outros, a presentarse a procesos e traballar ou mercar propiedades pero neste caso apreciase unha acusada práctica de nepotismo do máis rancio. Non é normal que tódolos anos sexan contratados polo Concello ou por unha empresa subcontratada polo Concello”, conclúen.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------