O Concello do Carballiño, a través da Concellería de Termalismo, convida á veciñanza a coñecer as instalacións do Gran Balneario e desfrutar dos tratamentos do programa municipal de saúde termal, que conta cun investimento de 5.000 euros. “O Carballiño é un dos poucos concellos da provincia con dous balnearios, polo que é fundamental que a xente os coñeza”, resaltou esta mañá José Castro-Gil, alcalde en funcións, durante a presentación do programa.
Elvira Torres, concelleira de Medio Ambiente e Turismo, recordou que o termalismo “forma parte da nosa historia e da nosa identidade” e convidou á veciñanza a inscribirse na iniciativa. “Queremos que un dos grandes recursos da nosa vila repercuta na saúde da poboación”, destacou. O programa conta cun total de 220 prazas para os tres circuítos ofertados, que contan coa subvención do 50% do prezo por parte do Concello.
O primeiro, dun día, inclúe baño de hidromasaxe e inhalación ou parafango, e ten un custo de 12 euros para a persoa (o Concello aporta os outros 12 euros). O segundo, de dous días, inclúe baño de hidromasaxe e parafango e ducha circular e inhalación. O prezo para a persoa beneficiaria é de 22 euros (en lugar dos 44 euros habituais). O último, de tres días, inclúe baño de hidromasaxe e inhalación, ducha circular e parafango, e baño estático con sales e masaxe parcial ou descarga de pés. Neste caso, o prezo é de 34,50 euros (os outros 34,50 euros apórtaos o Concello).
Salomé Soto, xerente do Gran Balneario, incidiu nos beneficios da auga termal na saúde: “Mellora o aparato respiratorio, axuda no tratamento de patoloxías relacionadas coa pel, ten propiedades antiinflamatorias…”. Soto recoñeceu o éxito do Gran Balneario entre os visitantes ao Carballiño, polo que tamén convidou á veciñanza a descubrir a oferta termal. “Os usuarios e usuarias sempre saen moi contentos”, destacou.
As persoas interesadas poden solicitar participar no programa desde este venres, día 4, ata o 24 de setembro, tanto a través da sede electrónica do Concello como no Rexistro Xeral da Casa Consistorial. Para inscribirse basta con ter máis de 18 anos e estar empadroado no Concello do Carballiño cunha antigüidade mínima de 12 meses. Unha vez que remate o prazo de solicitudes, as persoas admitidas recibirán un correo electrónico de confirmación.
A admisión no programa non garante a reserva dunha praza, xa que o desconto aplicarase ata esgotar o crédito dispoñible. Os beneficiarios e beneficiarias, por tanto, poderán desfrutar do tratamento cun 50% de desconto ata o 5 de decembro de 2026 ou ata que se esgote o crédito.


















