A Asociación de Veciños de Señorín, unha parroquia do Carballiño cunha destacada vida veciñal e participativa, vén de poñer en marcha unha campaña de concienciación ambiental baixo o lema “Por un pobo máis limpo, colaboremos entre todos”.
A entidade manifesta a súa preocupación polo incremento de residuos voluminosos (neveiras, conxeladores, televisores, rodas, mobles, colchóns, etc.) que aparecen abandonados xunto aos contedores convencionais ou no seu interior. Estes obxectos non só dificultan a recollida normal do lixo, senón que deterioran a imaxe da parroquia e supoñen un problema ambiental e de convivencia.
Lembramos que os contedores de lixo non son o lugar axeitado para depositar estes enseres. Antes de desfacerse deles, é obrigatorio informarse do procedemento correcto. Para facilitar esta xestión, o Concello do Carballiño dispón dun servizo de recollida de voluminosos completamente gratuíto a través do teléfono: 988 53 00 07
Chamando a este número, os veciños e veciñas poden solicitar a retirada a domicilio de colchóns, sofás, mobles e outros obxectos de gran tamaño, sen custo ningún.
Desde a asociación fan un chamamento á responsabilidade compartida: “Non os deixes só nos contedores. A responsabilidade é de todos e todas. Actúa con sentidiño.” Destacan que moitas destas condutas se dan por descoñecemento, e por iso apostan por informar e sensibilizar primeiro á propia comunidade para que, entre todos, se transmita a mensaxe ao resto da poboación.
“O noso pobo é a nosa casa. Coidémolo entre todos.” Con este espírito, a AAVV Señorín convida a respectar o entorno e a parroquia, lembrando que Señorín non é un vertedoiro.
Asociación de Veciños de Señorín
Xuntos facemos parroquia

















