A vila de Ribadavia vibrou cos sons da vixésima edición do Festival Arteficial, con dúas décadas de traxectoria apoiando a cultura, a música alternativa e a sustentabilidade, e que se celebrou o venres e onte, sábado, en diferentes espazos do casco histórico da capital do Ribeiro.
O cartel deste ano destacou pola diversidade de xéneros, combinando talento internacional, nacional e galego. Entre os artistas que participaron estiveron Basic Partner (Francia), Scúru Fitchádu (Portugal/Cabo Verde/Angola), San La Muerte Cumbia Club (Portugal/Latinoamérica), La Rate Tímide (Norteñas residentes en Madrid), Su Garrido Pombo (Galicia), Peitoescuro (Galicia), Ao (BCN/Ribadavia/Brasil), Dj Ferromona, Dj Grima (Mataró), Sapoconcho Semponcho (Galicia) e Dj Balconde (Ribadavia).
Fiel á súa esencia integradora, a música non foi a única protagonista, xa que o programa incluíu actividades culturais para todos os públicos, destacando o tradicional “Pasarrúas de Airiños e Xigantes con Cabezudos” e obradoiros interxeracionais e de creación musical.
E no Arteficial non faltou o espazo reservado na Praza da Madalena para o tradiconal ‘Mercado das Sementes’, un mercadiño alternativo de proximidade, no que os visitantes tiveron a oportunidade de mercar libros, vinilos e roupa de tecido reciclado, entre outros produtos.


















