OUR FEST regresará o vindeiro sábado 19 de setembro a Expourense para celebrar a súa quinta edición e consolidado como unha das citas de referencia do rock alternativo en Galicia. A cita conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, reforzando a aposta pola música en directo como elemento de dinamización cultural e turística do territorio.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou na presentación do festival e destacou que “os Concertos do Xacobeo permiten acompañar citas como Our Fest, que contribúen a ampliar e diversificar a oferta musical de Galicia e a levar programacións de referencia a diferentes puntos do territorio. Unha aposta pola música en directo que favorece a descentralización da actividade cultural e contribúe a manter unha programación estable ao longo do ano”. Gómez Román salientou tamén que “Ourense conta cunha oferta turística e cultural de enorme atractivo e festivais como Our Fest permiten achegala a novos públicos, creando unha experiencia na que a música se combina co termalismo, o patrimonio e a gastronomía da cidade”.
OUR FEST presenta os horarios da súa quinta edición e debuxa unha xornada pensada para seguirse de principio a fin. A programación avanzará desde a precisión melódica de Germán Salto ata a descarga física e electrónica de Fat Dog, conectando polo camiño a personalidade de Triángulo de Amor Bizarro, o legado de The Dream Syndicate, o garaxe psicodélico de The Mystery Lights e unha banda fundamental para entender o rock alternativo británico: The Jesus and Mary Chain.
A orde das actuacións constrúe así un relato propio. Seis concertos encadeados que conectan xeracións, escenas e maneiras moi distintas de habitar un escenario, nun formato que permitirá asistir a toda a programación sen ter que escoller entre artistas. OUR FEST chega ao seu quinto capítulo cunha identidade construída desde Ourense e unha programación coidada e singular dentro do circuíto alternativo, nunha edición que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo.
O festival manterá o seu formato dunha única xornada e un recinto cuberto no que a música ocupa o centro da experiencia. Co apoio da Deputación de Ourense desde a súa primeira edición, a cita traballa para incorporar a cidade ao mapa das grandes xiras e achegar a Galicia propostas nacionais e internacionais que non sempre atopan espazo nos circuítos habituais.
As entradas para OUR FEST 2026 continúan dispoñibles en www.ourfest.gal e www.ataquilla.com, cun prezo de 40 euros máis gastos de xestión.


















