O club de patinaxe Aehde do Carballiño convida á veciñanza para participar na andaina que terá lugar na tarde de mañá, sábado día 12, co obxectivo de recadar fondos para a viaxe que realizará o grupo pequeno de 1ª categoría ata a localidade catalana de Figueres, onde competirán na Copa de Europa o vindeiro día 25 de setembro.
O roteiro solidario partirá ás 17,00 horas dende a Praza Maior da vila para un percorrido de aproximadamente 10 km e de dificultade baixa polo paseo fluvial do Arenteiro e o Parque Municipal. Esta iniciativa foi presentada esta mañá na Casa do Concello polo concelleiro de Deportes, José Castro-Gil, acompañado por Sonia e Nieves, representantes do Club Aehde.

Os tiquets de inscrición nesta andaina pódense adquirir en diferentes establecementos do Carballiño, cun prezo de 8 euros para adultos e de 5 euros para nenas e nenos de ata 14 anos, ou tamén no mesmo lugar da saída desta actividade. Á chegada haberá petiscos e un sorteo de agasallos entre os participantes.


















