A Praza da Veracruz convertirase este sábado nun escaparate dos mellores coches históricos de Galicia. O Club Gallego de Automóviles Antiguos, en colaboración co Concello do Carballiño, impulsa a cuarta edición do ‘Memorial José Luis Blanco-Concentración de Coches Antigos’, unha cita que reúne cada ano na vila a numerosos afeccionados ao motor.

“Para nós é un orgullo acoller durante as festas patronais esta xornada tan especial, que nos sitúa no mapa galego do panorama automobilístico”, apuntou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, na presentación da actividade. Máis de 40 vehículos participarán na cita, que comeza ás 10,00 horas na Praza da Veracruz. “Teremos de todo, coches dos anos 30, dos 40, dos 50, dos 60… son vehículos moi bonitos”, explicou José Francisco Rodríguez, presidente do Club Gallego de Automóviles Antiguos de Galicia.
O percorrido pola comarca arrancará arredor das 11,00 horas e inclúe o IES Chamoso Lamas, Mesego, Banga, Cabanelas, Leiro (onde farán parada para desfrutar de petiscos), San Clodio, Riobó, Osmo, San Amaro, Cruceiro e Maside, entre outros puntos.
“É unha honra vir ao Carballiño e desfrutar desta comarca, pasear pola vila, desfrutar da súa gastronomía… Estamos moi contentos de volver”, apuntou Rodríguez, quen recordou a figura de José Luis Blanco, anterior presidente do clube galego. Ao regreso ao Carballiño, arredor das 14,00 horas, os coches aparcarán na Praza Maior, o que permitirá á poboación achegarse e desfrutar dos vehículos.


















