O Club Aehde prepárase para vivir un dos momentos máis importantes da súa traxectoria: os próximos días 24, 25 e 26 de setembro, o equipo desprazarase ata Figueres (Girona) para participar na Copa de Europa de Shows, Cuartetos e Precisión 2026, que se celebrará no Pavelló Municipal Roser Llop.
A competición comezará o xoves 24 e rematará o sábado 26 coa participación de grupos de diferentes países e categorías. As 10 patinadoras do clube carballiñés representarán ao Carballiño o día 25 co seu programa “Asasinato no Orient Express”. Para elas, esta participación é moito máis que unha competición. É o resultado de meses de traballo, adestramentos, esforzo e ilusión, e ao mesmo tempo, unha oportunidade para levar o nome do Carballiño e de toda a comarca a un escenario europeo.
Pola súa parte, o clube enfronta esta cita con moita ilusión e co obxectivo de desfrutar dunha experiencia única. “Chegar ata unha competición deste nivel supón un importante recoñecemento ao traballo que se realiza durante toda a tempada, tanto as deportistas como as adestradoras, familias e todas as persoas que forman parte do clube”, destacan desde Aehde.
A participación implica un importante esforzo económico para as familias e o clube, polo que durante as últimas semanas, Aehde puxo en marcha diferentes iniciativas, como a ruta solidaria celebrada o pasado 12 de setembro. “Detrás desta viaxe hai moitísimas persoas que aportaron o seu gran de area”, sinalan desde o clube, que agradece a colaboración de veciños e veciñas, empresas e entidades como o Maside FS.
A presenza de Aehde nunha competición de carácter europeo pon en valor o traballo que se está realizando desde hai anos no Carballiño por fomentar e apoiar o patinaxe artístico de base.

















