‘Termatalia 2026’ reúne en Expourense a destinos, empresas e profesionais do turismo de saúde de 16 países

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Tras a edición en Colombia en 2025, Termatalia regresa á súa sede habitual en Europa e celebra unha nova edición en Ourense os días 24 e 25 de setembro. A 24ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar celébrase en Expourense convocando a expositores, almacenistas de viaxes, expertos en termalismo, medios de comunicación e visitantes profesionais de 16 países. O VII Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, coa participación de 50 expertos, e o Workshop de Contratación Turística, coa presenza de 15 TT.OO. internacionais líderes nos mercados dos seus países, serán as principais accións profesionais. A esta aposta pola formación especializada e o negocio sumaranse, como é habitual, a área expositiva e as actividades dirixidas ao público xeneral. Os obxectivos desta edición serán xerar negocio, coñecemento e cooperación ao redor do termalismo.

A nova edición de Termatalia foi presentada esta mañá en Expourense nun acto ao que asistiron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo; o deputado de Turismo, Termalismo e Representación Institucional da Deputación Provincial de Ourense e presidente do INORDE, Rosendo Fernández e o director xerente de Expourense e director de Termatalia, Rogelio Martínez. Todos eles destacaron que Termatalia é un perfecto exemplo de cooperación público-privada que contribúe a promocionar e posicionar o termalismo ourensán e galego no mapa internacional.

A 24ª edición de Termatalia preséntase como cita presencial e como gran punto de reencontro da comunidade termal internacional. Conta coa participación de 60 expositores de Europa e América. Termatalia 2026 conta coa presenza directa de 16 países (Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, España, Estados Unidos, Irlanda, México, Perú, Portugal, Ucraína e Uruguai).
Esta nova edición, de marcado carácter profesional, volverá incidir nas claves para o desenvolvemento do sector: negocio, formación e capital relacional ofrecendo para iso un completo programa de actividades profesionais nas que queda patente a necesidade da cooperación público-privada para o desenvolvemento do Turismo Termal e de Benestar a nivel mundial, posicionando ademais a Galicia e a Ourense como centros de formación profesional en materia de termalismo.

Termatalia recibirá expositores de 16 países de Europa e América. Destaca a forte aposta de Portugal, coa presenza de entidades públicas e privadas de todo o país, que ven en Termatalia o espazo idóneo para promocionar internacionalmente os seus centros termais.

ACCIÓNS DE NEGOCIO

Termatalia 2026 organizou unha nova edición do Workshop de Contratación Turística coa presenza de 15 operadores de turismo especializados e con capacidade de compra nos seus respectivos mercados, tanto a nivel de turismo especializado en saúde como en turismo en xeral. De España participarán, entre outros, Civitatis, Abies Travel, Hotteo Travel, Maxima Benestar, Inturismo, Roteiros Meigas, Interrías, Turismo Vivencial e Sol VIP. Tamén participarán os principais almacenistas especializados de Portugal como Vefa Travel e INATEL. JAF Travel dos Estados Unidos, Smartbox de Irlanda e España, Colombia Sky de Colombia e Eurolatino de Alemaña, completan a lista de participantes.

FORMACIÓN

O VII Congreso Internacional sobre Auga e Saúde será un dos principais contidos profesionais de Termatalia 2026 e reunirá a 50 expertos procedentes dunha decena de países que analizarán a evolución do termalismo e do turismo de saúde e benestar, así como os principais retos e oportunidades aos que se enfronta o sector do termalismo, turismo de saúde e turismo de benestar.

O programa abordará cuestións de máxima actualidade como o envellecemento activo e o termalismo, as novas tendencias do wellness, a calidade e as boas prácticas nos establecementos termais, a intelixencia artificial e a investigación universitaria, a hidroloxía médica, a geotermia e o papel dos balnearios como motores de desenvolvemento económico e social dos territorios, con especial atención ás áreas rurais. O Congreso reforzará ademais a conexión entre Europa e América Latina, favorecendo o intercambio de coñecemento e experiencias.

Cun enfoque que combina saúde, ciencia, turismo, innovación e desenvolvemento territorial, este congreso contribuirá a posicionar a Ourense como un gran punto de encontro internacional para profesionais, institucións e empresas vinculadas ao termalismo e ao turismo de benestar.

Este Congreso contará con dous espazos, Sala Europa e Sala América, nos que se impartirán relatorios de forma continua e simultánea. Tamén será transmitido en streaming.

AUGA MINERAL

Termatalia servirá de plataforma para a Industria da auga Mineral envasada con actividades como a Cata Internacional de Augas que celebrará a súa 21ª edición. O xurado estará dirixido pola catadora galega Mercedes González.

Haberá ademais un Bar de Augas no que degustar distintos tipos de augas minerais e no que a hidrosumiller Mercedes González, realizará “catas express” abertas a todos aqueles que queiran profundar no seu coñecemento sobre a auga. A esta actividade hai que engadir o taller que propón unha viaxe sensorial sostible por Costa Rica a través da auga mineral, o café, o cacao e a froita. Impartirase o xoves 24 de setembro ao 13.30 h.

VIVIR A EXPERIENCIA TERMATALIA-ACTIVIDADES PARA O PÚBLICO

A pesar de que a feira adquire un carácter máis profesional, a organización preparou un completo programa de actividades para que o público poida vivir a feira “regalándose saúde e benestar”. Un dos principais atractivos será a Ruleta “O misterio termal de Ourense” que estará dispoñible na caseta da Deputación Provincial de Ourense e á que o público poderá xogar e gañar distintos premios. Outra das novidades será a degustación de “Xeado Termal” e outras variedades co selo de Galicia Calidade e que estarán dispoñibles na caseta da Axencia de Turismo de Galicia.

A feira contará con varias áreas de masaxes que serán ofrecidos por unha banda, polo Centro Shalom e pola Asociación de Esteticistas de Galicia e, por outro, por alumnos de centros de FP de Ourense xa que, alén da distintas empresas, Termatalia involucrou ademais a estudantes de Formación Profesional de ramas relacionadas co benestar e a hostalería. Coordinado polo Centro Galego de Innovación da Formación Profesional – Eduardo Barreiros, o alumnado do CIFP A Farixa e do IES 12 de Outubro de Ourense realizará distintas demostracións e tratamentos na feira.

Tamén se impartirá un taller de ioga wellness a cargo de Experiencia Wellness e non faltará a Asociación Diabética Auria para lembrar a importancia de manter hábitos de vida saudables.

Termatalia 2026 conta co apoio principal da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense Ademais, conta como colaboradores como o Campus Auga de Universidade de Vigo, a Cátedra de Hidroloxía Médica-Balnearios de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, O ICTES, o Concello de Archena, Galicia Calidade e RENFE como Transporte Oficial para trasladar ata Ourense aos profesionais que chegan a Expourense vía Madrid.

O horario de feira será de 09.30 a 18.00 horas de forma ininterrompida o xoves 24 e o venres 25 de setembro. Toda a información está dispoñible en www.termatalia.com e nas súas redes sociais. O acto de inauguración oficial será o xoves 24 de setembro ao 09.30 h.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------